mércores, 10 mar 2010
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este mércores que o seu departamento conta cun novo servizo de tradución e interpretación destinado ás persoas inmigrantes, que xa comezou a funcionar a semana pasada na propia Oficina Municipal de Inmigración e nas unidades de traballo social (UBAS). A edil salientou que ao longo do 2009 esta oficina atendeu un total de 1.044 persoas, especialmente para tramitar os permisos de residencia, traballo, visados, adquisición de nacionalidade e reagrupamento familiar. A poboación estranxeira censada en Vigo é de 17.370 persoas, un 5,8% da poboación total. <br />
martes, 9 mar 2010
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, fixo este martes balance do programa Sereos para a redución do dano correspondente ao 2009, ano no que foron atendidas 633 persoas nun total de 85.860 intervencións. A edil destacou a importancia do "traballo en rede" que se está a desenvolver na Concellería de Benestar Social para dar resposta ao problema da exclusión social.
xoves, 4 mar 2010
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, afirmou este xoves que o servizo de atención primaria que presta o departamento que dirixe realizou 29.198 intervencións no 2009, atendendo 22.966 usuarios novos. Asemade, a concelleira avanzou que ao longo do ano incrementarase o número de traballadoras sociais co obxectivo de reforzar o servizo e atender a demanda existente.
martes, 2 mar 2010
A Concellería de Benestar Social do Concello de Vigo destina este ano 2.550.000 euros, un millón máis en relación co 2009, ao Servizo de Axuda no Fogar destinado a persoas maiores e dependentes da cidade, segundo anunciou hoxe a edil titular da mencionada área, María Méndez, durante a presentación do balance do SAF, que deu cobertura o ano pasado a un total de 636 persoas, das que 486 foron mulleres e 150 homes.
xoves, 25 feb 2010
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, presentou este xoves a memoria do ano 2009 do programa de intervención familiar, que ten por obxectivo detectar e previr os factores de risco en menores. Destacou que o ano pasado neste programa, que conta cun orzamento de 505.000 euros, participaron 414 familias, cun total de 1.478 persoas das que 680 eran menores.
mércores, 24 feb 2010
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, explicou este mércores que esta semana se abrirá o prazo de solicitude das axudas para optar ao servizo do bono-taxi, tras a súa publicación mañá ou o venres no Boletín Oficial da Provincia. A concelleira salientou que o orzamento da actual convocatoria é de 72.000 euros e 160 beneficiarios poderán cobrar ata un máximo de 450 euros cada un para gastar ao longo do ano.
venres, 12 feb 2010
A concelleira de Benestar Social, María Méndez, fixo balancs este venres do funcionamento do dispositivo de emerxencia posto en marcha no pavillón do Berbés o 23 de decembro. Afirmou que dende esa data e hasta o 31 de xaneiro, este dispositivo atendeu a 104 persoas distintas, que realizaron un total de 972 pernoctacións. A nacionalista explicou que na actualidade está xa ao máximo da súa capacidade, dando acollida a un máximo de 35 persoas.
xoves, 14 xan 2010
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, defendeu este xoves a potenciación das políticas sociais da Tenencia de Alcaldía e da Concellería de Benestar, que dirixe María Méndez para paliar as consecuencias da crise económica. No transcurso da visita que Santi Domínguez e María Méndez realizaron ao Comedor da Esperanza, lembrou que precisamente esta entidade recibiu recentemente 48.000 euros para dar resposta ás necesidades dos usuarias e usuarios, cantidade que se suma aos 22.000 euros do convenio asinado anualmente.
mércores, 30 dec 2009
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concellería de Benestar Social, María Méndez, reuníronse hoxe con representantes de 11 entidades sociais da cidade, que se adican á atención dos sectores máis desfavorecidos, para comunicarlle que entre todas elas se van a repartir 378.000 euros que poderán adicar a adquisición de alimentos. As cantidades que recibirán oscilarán entre os 48.331 e os 16.110 euros, dependendo do número de persoas ás que atenden.
mércores, 23 dec 2009
O tenente de alcalde, Santi Domínguez, e a concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciaron este mércores que ás 22 horas de hoxe mércores abrirá no pavillón do Berbés un centro de emerxencia provisorio con 30 prazas. Santi Domínguez subliñou que ante a existencia de persoas sen teito que en Vigo están a durmir na rúa, a Xunta "mira para outro lado" e despilfarra os cartos públicos por "cabezonería política", mentres que con esta iniciativa a Tenencia de Alcaldía e a concellería de Benestar "non miramos para outro lado e cumprimos coa nosa responsabilidade política".