Escoitar

María Méndez critica a redución da Xunta na prevención de drogodependencias, que chegará a 43 colexios ata fin de ano

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, denunciou este xoves a redución do convenio coa Xunta de Galiza para desenvolver os programas de prevención das drogodependencias, ao ser asinado unicamente ata decembro deste ano e non pola totalidade do curso escolar. A concelleira nacionalista asegurou que as 50 actividades programadas polo seu departamento ata fin de ano chegarán a 43 centros escolares.

xoves, 14 out 2010
1287060060Drogodependencias.JPG
"É unha irresponsabilidade o que a Xunta está a facer con esta cidade, que demostrou que a prevención da resultado", salientou María Méndez. Lembrou que no curso anterior foron 9.896 as persoas participantes nos programas, cifra que supón un incremento de máis do 100% respecto ao ano anterior, e 138 os colexios nos que se programaron actividades, polo que amosou a súa preocupación de que case cen centros escolares "queden para o segundo semestre do curso".

Para a concelleira de Benestar Social, "a dúbida é se cos cartos que reduza a Xunta, tal e como asegurou a secretaria xeral, poderemos acadar o mesmo número de colexios que no curso pasado". María Méndez considera que se algúns programas non se poden reducir "eses son os programas de prevención".

Respecto ás actividades que se desenvolverán ata o 15 de decembro, explicou que realizarán catro cursos destinados a mediadores sociais, estudantes de maxisterio e profesionais do ensino. Nos centros de ensino, por outra banda, sinalou que se desenvolverán iniciativas de información e sensibilización en 18 colexios, destinadas ao alumnado de 3º de Educación Primaria. Ademais, está prevista a celebración do obradoiro "Non pasa nada, pasa algo?" en 19 colexios, destinado ao alumnado de ESO e Bacharelato. En 5 colexios terá lugar o obradoiro "Máis que un teito", dirixido ás familias, e o programa "Odisea", para o alumnado de Garantía social, terá lugar nun colexio.

María Méndez destacou a "acollida extraordinaria" que están tendo estes programas nos centros escolares, tanto por parte dos rapaces e rapazas como por parte das familias, polo que calificou de "moi grave" que a Xunta non valore o traballo que se está a realizar en Vigo en materia de prevención.
Descargar todas as imaxes