Escoitar

Clases maxistrais no Imaxina Sons de jazz

O Festival de Jazz de Vigo IMAXINA SONS'07 organiza tres "clases maxistrais" que se celebrarán como actividade paralela do festival durante o mes de xuño. As clases serán impartidas por René García Fons,Jean Louis Matinier e Gilad Atzmon e terán lugar no Conservatorio Superior de Música de Vigo.

venres, 4 mai 2007
1178275203cartejazz.jpg
A inscrición e asistencia é totalmente gratuíta e poderase formalizar mediante reserva, a partir do vindeiro luns día 7 de maio, a través da web oficial do festival (www.imaxinasons.com)

O calendario e os profesores -todos músicos que participarán cos seus respectivos proxectos no festival- son os que se detallan a continuación:

Xoves, 21 de xuño, 18h : RENÉ GARCÍA FONS, contrabaixo

Venres, 22 de xuño, 11h: JEAN LOUIS MATINIER, acordeón

Venres, 29 de xuño, 11h: GILAD ATZMON, saxo alto – clarinete

Renaud García-Fons e Jean-Louis Matinier comparten a portentosa habilidade de traspasar fronteiras musicais e evadirse das etiquetas, iniciando así o diálogo do dúo dende unha óptica libre dos patróns ortodoxos. De pais españois, aínda que nado en París, Renaud é un auténtico virtuoso e, non en vano, coñéceselle nalgúns círculos como o "Paganini do contrabaixo", capaz de asombrar a propios e estraños nos seus concertos en solitario. A súa técnica prodixiosa aválalle para dominar todos os recursos -como a utilización do arco, o "pizzicato" ou os elementos de percusión ao seu alcance- e transformar a linguaxe tradicional do seu instrumento cunha dinámica novidosa. A súa paleta de rexistros pode levarlle, da man do jazz, da órbita clásica ao folclore europeo. Outro tanto pode dicirse de Matinier, formado como virtuoso na música clásica pero insuflado por un espírito aberto e inquieto, como proban as súas colaboracións con Louis Sclavis, Gianluigi Trovesi, Michel Godard, etc.

A música do saxofonista israelita Gilad Atzmon reflexa a profundidade e o compromiso das súas conviccións éticas e políticas, e tamén a súa traxectoria vital no exilio. A súa repulsa e denuncia do sufrimento que os sionistas inflixen ao pobo palestino lévalle a buscar en Londres unha nova patria na que defender explicitamente, e dende un activismo enérxico, a creación dun único estado democrático no que se integren palestinos e israelíes. A súa música é unha fermosa idealización desa convivencia, pois nela fúndense elementos da tradición musical xudía con outros de raíz arábe, unidos pola maxia condutora do jazz e a improvisación. MusiK: re-arranging the 20th century, a súa última gravación xunto a Orient House Ensemble, insiste en amosar esa diversidade cultural e folclórica sen abandonar a linguaxe instaurada polo "bebop". A súa anterior gravación, co suxerente título de Exiles, obtivo a cualificación de "Mejor Álbum de Jazz do Ano" na revista Time Out, ademais de ser premiado nos BBC Awards.
Descargar todas as imaxes