Escoitar

O Verbum trae a Vigo a Pop Art de Andy Warhol

"The Factory: Andy Warhol & Pietro Psaier" é o título da exposición sobre un dos creadores e máximo expoñente da Pop Art, que se poderá visitar no museo Verbum-Casa das Palabras desde hoxe xoves ata o 24 de xuño.

xoves, 3 mai 2007
1178185885warholpsaier07.jpg
Andy Warhol (Pittsburg, 1928) mostrou desde moi novo unhas dotes excepcionais para o deseño gráfico e o debuxo, polo que se trasladou a Nova Iorque en 1949. Alí comezou a traballar en distintas axencias publicitarias e como ilustrador de revistas como Vogue e Harper´s Bazaar.

En poucos anos alcanzou un enorme recoñecemento, achegando á mensaxe gráfica publicitaria doses masivas de creatividade, plasticidade e vangardismo, e creando unha corrente artística ata entón descoñecida na comunicación comercial. Proba diso é a súa exposición no MOMA de Nova Iorque en 1956. O deseño do bote de sopa Campbell, que poderá admirarse na exposición viguesa, é só un exemplo, tal vez o máis famoso, da súa xenial creatividade plástica.

O éxito de Andy Warhol no campo publicitario lévao a crear en 1963 un estudo colectivo, no número 231 da rúa 47: The Factory. Nel reúne un grupo de mozos creadores, amantes do experimentalismo comunicativo, e fai que a serigrafía e o retoque alcancen o seu máximo esplendor. Nace así o que comeza a denominarse Pop Art, cuxa influencia nas correntes pictóricas da segunda metade do século XX foi verdadeiramente significativa. Xa como artista pictórico e inmerso na vangardia neoiorquina, Warhol realiza os retratos dos seus amigos Marilyn Monroe, Carolina Herrera, Jackie Kennedy, Mick Jagger (é seu tamén o coñecido logotipo dos Rolling Stones) ou máis recentemente Miguel Bosé, entre outros.

Polifacético, Warhol non só cultivou a pintura e as artes gráficas. Realizou máis de 70 películas, series de televisión, guións de cine e incursións na literatura; foi produtor de grupos musicais, como o de Lou Reed, e fíxose amigo moi próximo de Truman Capote, con quen compartiu a súa obsesión contra a pena de morte. Esta loita lévao a realizar toda unha serie de obras cunha cadeira eléctrica como tema central.

Xunto con outro grande amigo seu, o tamén pintor Pietro Psaier, Warhol compra unha das tres cadeiras eléctricas que lle sobraron á empresa fabricante, logo de fornecer unhas cantas ducias a distintas penitenciarías dos Estados Unidos. Con esta cadeira orixinal forman unha alegación despiadada e descarnada contra o axustizamento, no que non falta nin o sentido do humor (que levou a Polanski a fritir un filete na propia cadeira) nin o aldabazo mediático.

Estas tres facetas de Warhol (a súa etapa como deseñador e ilustrador, The Factory e a cadeira eléctrica), constitúen as tres áreas nas que se divide a exposición de Vigo, coa cadeira orixinal de Psaier e un conxunto de 41 obras que os vigueses e os galegos en xeral terán a oportunidade de contemplar ata o 24 de xuño, de martes a domingo nos seguintes horarios: ata o 1 de xuño, de 10.00 a 19.00 horas, e a partir desa data, de 10.00 a 21.00 horas. A mostra será inaugurada hoxe xoves ás 20.00 horas.
Descargar todas as imaxes