Escoitar

Ciclo de compositores do século XXI

A Fundación Laxeiro organiza os días 3,4 e 5 de maio o "Ciclo de Compositores do século XXI" no que se profundiza no pensamento musical do quen, probablemente é o compositor galego vivo cunha maior proxección internacional, Manuel Rodeiro, que exporá o máis interesante da súa producción e contará o porqué das súas influencias.

mércores, 2 mai 2007
1178182662manuelll.jpg
Manuel Rodeiro
Os concertos terán un formato inusual, xa que neles, de xeito totalmente integrado no espectáculo, ademais de poder disfrutar da música en directo, o autor, Manuel Rodeiro; o musicólogo Bienvenido Arana e o Director de orquestra e compositor Manel Ribera; introducirán comentarios desde diferentes enfoques, contribuíndo así á comprensión do pensamento musical do compositor convidado.Unha vez rematado cada concerto, o autor intercambiará experiencias e cuestións relacionadas coa composición musical, propiciando un achegamento dinámico e participativo que facilitará a comprensión da obra musical e o xeito de compoñer.

Programa

Os concertos , de entrada gratuíta, terán lugar o día 3 ás 19 horas na Fundación Laxeiro, e os días 4 e 5 de maio ás 20 horas no Marco.

Así, o primeiro día, poderase disfrutar na Fundación Laxeiro dunha breve presentación que contextualizará o ciclo, acompañado das actuacións da soprano Carmen Gurriarán e o clarinetista Felipe González, rematando cunha actuación da coreógrafa Meritxell Peiret, todo isto no contexto da exposición Reflexo de superficies da artista plástica Mar Vicente.

O segundo día, no salón de actos do MARCO, poderemos disfrutar dun concerto monográfico con obras de Manuel Rodeiro para piano, percusión, viola, clarinete e voz, con comentarios do propio artista, para rematar, xa o sábado, día 5 de maio, coa integral para piano de Ligeti, un dos compositores de referencia de Manuel Rodeiro, a cargo do pianista indonesio Ananda Sukarlan.

O ciclo non rematará o día 5 de maio,xa que a Fundación Laxeiro traballará durante os vindeiros meses para,no último trimestre do ano, presentar a modo de conclusión, unha publicación na que diversos autores e críticos darán unha visión analítica da música de Manuel Rodeiro, que se poderá escoitar ademais nun CD que se editará conxuntamente coa publicación escrita.

Esta iniciativa da Fundación Laxeiro está apoiada pola Dirección Xeral de Creación e Promoción Cultural, o Concello de Vigo, o IGAEM e o Xacobeo, entidades que lle darán continuidade ó proxecto en futuras edicións.
Descargar todas as imaxes