Escoitar

A nova campaña da Concellería da Muller fará presentes nas rúas as vítimas da violencia

A Concellería da Muller presentou hoxe mércores a súa nova campaña institucional, que baixo o lema "Na Violencia de Xénero non hai tregua" pretende deixar constancia nas rúas do número de vítimas que causa cada ano en España a violencia contra as mulleres.

mércores, 2 mai 2007
1178106440violencia020507.jpg
Con esta iniciativa, o departamento que dirixe a concelleira Lucía Molares demanda a implicación da cidadanía para erradicar esta lacra social e anímaa a denunciar os casos que se coñezan no seu contorno. A súa finalidade é converter a traxedia nun problema propio, actuar fronte a novos casos de violencia e previr futuros episodios. Segundo afirmou a alcaldesa, Corina Porro, na presentación desta campaña, trátase de "implicar a todas as persoas no rexeitamento e prevención" desta problemática.

Para iso, a campaña utiliza argumentos como "Ti podes axudar a frear esta traxedia. Se coñeces un caso de Violencia contra as Mulleres, denúnciao", ou "Ninguén é alleo ao problema. Que podes facer ti?"

A Concellería da Muller instalará no mes de maio na rúa do Príncipe un marcador dixital que irá contabilzando, un a un, o número de mulleres asasinadas en España por mor da violencia de xénero.

Así mesmo, a campaña utilizará siluetas de mulleres a tamaño natural, deseñadas en cartón ríxido de cor branca, que se colocarán na Lonxa do Concello cada vez que se produza unha nova vítima en España. Deste xeito, haberá unha figura por cada unha das mulleres falecidas ao longo do ano 2007.

Ademais, cada trimestre convocarase un acto na Lonxa do Concello no que se informará á cidadanía do número de mulleres asasinadas no trimestre anterior, co fin de lembrar a cada unha das vítimas e sensibilizar e concienciar a todos os vigueses e viguesas.

Tamén con carácter trimestral distribuiranse dípticos informativos da campaña co número de mulleres asasinadas o trimestre anterior. A fonte utilizada será o Instituto da Muller, do Ministerio de Asuntos Sociais, xa que achega datos oficiais.

Ademais, dentro da campaña posta en marcha polo departamento que dirixe Lucía Molares distribuirase a guía informativa "Como actuar ante a Violencia de Xénero?", que contén os recursos e servizos existentes e as pautas de actuación perante os episodios de violencia.

Vinte e unha vítimas

No primeiro trimestre deste ano foron asasinadas polo súa parella ou ex parella en España un total de 17 mulleres. No mes de xaneiro morreron cinco mulleres, en febreiro, oito, e durante o mes de marzo, catro. En abril foron asasinadas outras catro mulleres, polo que o número de vítimas ascende a 21 no que vai de ano.

En Galicia o número de casos de mulleres asasinadas pola parella ou ex parella no primeiro trimestre do ano 2007 elevouse a tres. Os asasinatos tiveron lugar no mes de febreiro nas localidades da Coruña, Meaño e O Porriño.

En 2006 contabilizáronse 68 mulleres falecidas en España a mans das súas parellas ou ex parellas, un 13,3% máis que no ano anterior.

Vigo é a sede do único Xulgado de Violencia Contra as Mulleres que existe na actualidade en Galicia, que está situado na rúa Lalín. Desde xaneiro de 2007 este xulgado encárgase de resolver os casos de malos tratos que se producen no Partido Xudicial de Vigo e Redondela. No primeiro trimestre de 2007 o novo xulgado especial contabilizou máis de 214 denuncias por malos tratos.

Ademais desta campaña, a Concellería da Muller de Vigo conta con outras importantes ferramentas para loitar contra a violencia de xénero, como o II Plan de Acción Municipal para combater a Violencia contra as Mulleres (2004-2007), o III Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes (2005-2007), o teléfono 24 horas, a Casa de Acollida de Mulleres Maltratadas e o Centro Municipal de Información dos Dereitos da Muller (CMIDM).

A estas actuacións postas en marcha polo Concello hai que engadir outras iniciativas de apoio e atención ás mulleres vítimas da violencia, como a axuda de 50 euros ao mes durante a estadía das mulleres na Casa de Acollida ou a axuda de 650 euros cando saian da Casa, no caso das mulleres que están nunha situación económica precaria. Así mesmo, estanse a desenvolver, no marco do Plan Municipal de Emprego, medidas de formación e inserción laboral das que se beneficiaron ata o momento máis de 150 mulleres. Ademais, prevese a utilización das vivendas de propiedade municipal por parte das mulleres en situación económica precaria ao deixaren a Casa de Acollida.
Descargar todas as imaxes