Escoitar

O Pleno aproba unha modificación orzamentaria de 5,5 millóns de euros

Cos votos favorables de PSdeG-PSOE, BNG e PG e a abstención do PP, o Pleno da Corporación Municipal aprobou hoxe luns unha modificación orzamentaria por un importe de 5,5 millóns de euros para facer fronte a un conxunto de gastos comprometidos polo Concello.

luns, 30 abr 2007
1177933665pleno300407a.jpg
Estes gastos son a anualidade de 2007 do Auditorio-Pazo de Congresos (3.342.000 euros), un reintegro ao Consorcio da Zona Franca dentro do convenio Vigo 2005-07 (1.700.000 euros) e os gastos derivados das sentenzas dos terreos da Cidade Universitaria en Bembrive (440.000 euros) e de Ferrovial relativa á praza da Estación (70.000 euros).

Estes catro gastos son os incluídos nunha emenda do PSdeG-PSOE á proposta do Goberno local, que supuña un importe de case 15 millóns de euros. Esta proposta, que era a incluída na orde do día do Pleno, contiña os gastos aprobados finalmente, xunto cun grupo de actuacións entre as que destacan o centro sociocultural "Colexio Alemán" na Bouza (1.291.000 euros) e a instalación de contedores soterrados na Travesía de Vigo (1 millón) e as avenidas de Castrelos (500.000 euros) e da Florida (outros 500.000).

Mocións

Ademais, durante o Pleno ordinario de hoxe luns presentáronse tres mocións. Coa primeira delas, o PG propuxo que o Concello financie e xestione con RENFE un tren para que os afeccionados que así o desexen poidan acompañar o Celta no seu partido contra a Real Sociedade, o próximo 20 de maio en San Sebastián. Esta moción recibiu o apoio do PP e do BNG. O PSdeG-PSOE abstívose.

A segunda moción, presentada tamén polo PG, propuña que o Concello se dirixa á Xunta de Galicia, ao Parlamento Galego e ao Pleno da Deputación de Pontevedra "para que avoguen diante do Goberno de España e na Unión Europea co obxectivo de que o porto de Vigo sexa unha cabeceira das chamadas autoestradas do mar". A moción, que finaliza propoñendo "dirixirnos ao goberno de España no mesmo sentido", foi aprobada por unanimidade.

Por último, o Pleno aprobou tamén por unanimidade unha moción presentada polo BNG para que o Goberno local proceda a ordenar un estudo do tráfico no contorno do parque de Castrelos. Neste sentido, a proposta dos nacionalistas insta a alcaldesa a barallar a posibilidade de autorizar zonas de aparcamento de carga e descarga no treito final da avenida de Castrelos.

Protesta

O Pleno de hoxe luns reuniuse finalmente a porta pechada na Sala da Xunta de Goberno, debido ás protestas en relación aos malos cheiros da depuradora do Lagares protagonizadas por un grupo de veciños que motivaron a suspensión temporal da sesión iniciada no Salón de Plenos.
1177933665pleno300407a.jpg
1177933683pleno300407b.jpg
Descargar todas as imaxes