Escoitar

Mañá venres iníciase a nova ruta marítima xacobea, impulsada polo Liceo de Bouzas e o Concello de Vigo

O alcalde, Abel Caballero, recordou este xoves que mañá dará comezo a nova ruta marítima xacobea na que unhas 15 embarcacións partirán a Viana do Castelo, onde dará comezo o percorrido. O próximo domingo chegarán a Bouzas, dando así "luz verde a un novo camiño marítimo moi novidoso". Esta nova ruta pasa por Vigo camiño de Vilagarcía e Santiago, a ruta orixinaria do apóstolo á súa chegada nun barco de pedra a Compostela.

xoves, 1 xul 2010
1277988106RUTA.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, recordou que mañá venres dá comezo a nova ruta marítima xacobea "O Cabaleiro das Cunchas", organizada polo Liceo Marítimo de Bouzas coa colaboración do Concello de Vigo.

Este nova opción no ano Xacobeo supón a recuperación do primeiro camiño de Santiago, o que completou o apóstolo -segundo reza a lenda- á súa chegada a Compostela en barco de pedra.

As embarcacións partirán mañá día 2 de xullo desde Vigo dirección a Viana do Castelo, e alí comezará a ruta en dirección a Bouzas, a Illa de San Simón, Combarro e Vilagarcía de Arousa o día 7 de xullo, onde completarase noutro medio de transporte a peregrinación ata Santiago de Compostela. O 9 de xullo finaliza o percorrido co retorno marítimo a Vigo desde Vilagarcía.

Como indicou o alcalde na presentación pública do percorrido realizado o pasado mes, a ruta deste ano é o inicio do que agarda poida converterse en tradición xacobea e nun dos "emblemas" de Galicia. "Temos a determinación de que esta ruta se faga todos os anos", apuntara Paulino Freire, o presidente da Asociación de Amigos da Ruta Marítima, en torno ao primeiro domingo do mes de xullo.

Esta primeira edición de 2010 parte de Viana do Castelo, debido á crise económica, pero os organizadores xa prevén extender a saída do próximo ano a Matosinhos. O orzamento desta nova opción xacobea ascende a 42.000 euros sufragados por tres entidades colaboradoras, máis da metade do total destinada a garantir a seguridade dos navegantes. Os portos participantes colaborarán tamén cunha achega económica.
Descargar todas as imaxes