Escoitar

Santi Domínguez salienta que a publicación de "Mulleres" amosa a aposta pola recuperación do Arquivo Pacheco

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este este xoves a nova publicación que recolle fotografías do Arquivo Pacheco, que leva por título "Mulleres". Segundo o nacionalista, a edición desta obra amosa o compromiso pola recuperación e posta en valor deste arquivo como parte dos "tesouros artísticos máis importantes da cidade".

xoves, 1 xul 2010
1277996965Libro.JPG
Santi Domínguez afirmou que recuperar e poñer en valor o patrimonio, a cultura e a arte é "un obxectivo que queremos que estea sempre presente nas áreas que coordina a Tenencia de Alcaldía". Para o tenente de alcalde, o Arquivo Pacheco é a colección máis importante de fotografía xa que reflicte "como é e como foi a cidade".

O nacionalista explicou que o libro recolle unha colección de fotografías de mulleres "que tiveron que ver coa nosa historia e coa nosa cidade", e que supón a continuación do proxecto iniciado co volume "Marcas de luz". Destacou que coa publicacións destas obras calquera pode "ver e ter na súa casa estas xoias".

"Continuaremos nesta liña divulgativa do Arquivo Pacheco", avanzou o tenente de alcalde. Asegurou que este traballo terá a súa culminación coa inauguración do Centro Galego de Fotografía, "co que por fin teremos un contedor digno para esta xoia", afirmou.

O concelleiro de Cultura, Xesus López, explicou que o Arquivo Pacheco continúa a súa andaina, despois de que o anterior goberno municipal, tendo a Corina Porro como alcaldesa e a López Chaves como concelleiro de Cultura, "o pechara ao público e cesara a súa actividade interna". Segundo o concelleiro nacionalista "puxemos de novo en marcha o Arquivo", e lembrou que en primeiro lugar elaborouse o programa de actividades, posteriormente levouse a cabo a dotación de persoal e finalmente materializouse a súa apertura ao público.

"O traballo pasa pola conservación das prazas e a dixitalización das fotografías", sinalou Xesus López, quen destacou que na actualidade todas as persoas interesadas poden acceder ao Arquivo. Salientou tamén que a súa divulgación pasa pola publicación de axendas anuais e a organización de exposicións que lle serven de soporte ás mostras.

Respecto á obra presentada hoxe, manifestou que é a "constatación en imaxes dun sector silenciado como se non formara parte da nosa historia, e que recolle unha ampla colección de fotografías de mulleres obreiras, burguesas, novas ou viúvas.

O director do Arquivo Pacheco, Vítor Vaqueiro, sinalou que vivimos unha sociedade fondamente condicionada pola imaxe, polo que ao seu xuízo esta publicación ten un "afán culturalizador" sobre todo para impulsar o achegamento ao feito fotográfico. "Trataremos de seguir nesta liña", apuntou.
Descargar todas as imaxes