Escoitar

Santi Domínguez inaugura o Verán Xove, que destina o 10% das 2.000 prazas a nenos de necesidades especiais

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, a concelleira de Xuventude, Iolanda Veloso, e o concelleiro de Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez, visitaron este mércores un dos novos campamentos que este ano oferta o programa Verán Xove 2010, no Pazo de Castrelos. Tras compartir unha das actividades cos nenos e nenas participantes, o tenente de alcalde destacou que a nova edición do programa Verán Xove oferta este ano máis de 2.000 prazas, o 10% delas para rapaces e rapazas con necesidades educativas especiais.

mércores, 30 xuñ 2010
1277913280Campamentos.JPG
Santi Domínguez afirmou que a convocatoria de 2010 contempla 220 máis que o ano pasado. Ao seu xuízo, este incremento e a ampliación da oferta para os rapaces e rapazas con necesidades especiais amosa o "esforzo das áreas que coordina a Tenencia de Alcaldía pola igualdade de oportunidades para que todos os nenos e nenas teñan as mesmas ocasións para gozar do seu tempo de lecer".

Por outra banda, o tenente de alcalde salientou que outro obxectivo que quere acadar o programa de campamentos de verán é a conciliación da vida laboral e familiar. "Cando se fala de conciliación non podemos quedar na teoría, senón que temos que poñelo en práctica", asegurou.

Segundo explicou o nacionalista, ademais do número de prazas tamén se incrementaron as propostas, de xeito que o programa inclúe novas actividades como "Verán de expedicións en Vicus" no parque do Castro, o obradoiro de cómics "Un mar de viñetas" e "Verán en Castrelos", visitado hoxe, odne os nenos e nenas aprenden xogando a historia do pazo e descobren os seus tesouros. "Son campamentos lúdicos nos que os nenos e nenas gozan e aprenden da historia e do contorno no que se desenvolven, como este de Castrelos", sinalou.

Santi Domínguez expresou a súa satisfacción pola acollida que está tendo o programa e apuntou que están practicamente cubertas todas as prazas ofertadas. Das máis de 2.000 prazas quedan ao redor de 100 prazas en diferentes actividades. En concreto para "Verán en Castrelos" quedan 10 prazas para a quenda do 26 de xullo ao 6 de agosto.

Finalmente, o tenente de alcalde felicitou á concelleira de Xuventude e ao seu equipo polo traballo desenvolvido. "Imos seguir traballando nesta liña para incrementar o número de prazas nos campamentos nos que hai máis demanda", manifestou.

Iolanda Veloso explicou que mediante a reserva do 10% das prazas para nenos e nenas con necesidades educativas especiais se completa o campamento "Verán de lecer", organizado pola Concellería de Benestar Social. Sinalou tamén que co incremento de prazas levado a cabo este ano "xa imos cubrindo a demanda existente", que é maior para os nenos e nenas máis pequenos.

Ademais de incrementar o número de prazas, a edil nacionalista salientou que outros dos obxectivos propostos na convocatoria deste ano son o incremento da calidade das actividades ofertadas e o mantemento dos prezos nesta época de crise. "Queremos que os rapaces aprendan cousas, coñezan máis a cidade e promover a conciliación", indicou a concelleira de Xuventude.
Descargar todas as imaxes