Escoitar

O tenente de alcalde insta a que "o espíritu deportivo" encha a cidade na inauguración do Mundial de Taekwondo

O Mundial Universitario de Taekwondo xa está en marcha coa competición de pumse (técnica). A cerimonia inaugural tivo lugar hoxe no pavillón das Travesas coa presenza de Santi Domínguez, tenente alcalde de Vigo e presidente honorífico do comité organizador; Xabier Alonso, concelleiro de Deportes da cidade; Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria; José Ramón Lete, secretario xeral para ou Deporte; e Kemal Tamer, membro do comité executivo da FISU. Tamén estiveron presentes os presidentes da federacións Galega e Española, Mercé Barrientos e Jesús Castellanos.

mércores, 30 xuñ 2010
1277913412Taekwondo.jpg
Tras a disputa de varias categorías de pumse, ao mediodía deuse paso á cerimonia inaugural coa entrada na pista das bandeiras galega e española, así como o tradicional desfile de estandartes de todos os países participantes, un total de 48, o que supón unha marca en canto á asistencia a un Mundial.

Santi Domínguez abriu as intervencións e sinalou que "Vigo é unha cidade que dende hai anos colabora coa FISU para levar a todos o espírito do deporte". Lembrou que Vigo é Premio Nacional del Deporte pola súa aposta por esta disciplina e afirmou ante afeccionados, autoridades, adestradores, delegados e competidores que "queremos que o espírito do deporte sexa o motor fundamental da nosa cidade". O político nacionalista tamén quixo agradecer ao resto de institucións participantes o "esforzo realizado" para levar a cabo esta competición.

Por outra banda, José Ramón Lete, secretario xeral para o Deporte deu a benvida a todos os deportistas, agradecendo a súa presenza e desexando toda a sorte posible aos competidores. "Quero felicitar ao Concello de Vigo, á Federación Española e Galega e á FISU" polo excelente traballo que realizaron. Xosé Henrique Costas tamén tivo palabras de agradecemento e benvida en nome da Universidade de Vigo.

Tras a entrada da bandeira da FISU izada ao son do seu himno, tivo lugar o xuramento por parte de deportistas e árbitros. En representación dos participantes foron Joel González e Laura Kim os encargados de ler o xuramento, sinalando que "declarámonos a favor dun deporte sen dopaxe nin drogas, fieis ao verdadeiro espírito da deportividade". Pola súa banda, os árbitros, representados por José González e a viguesa María Bautista, explicaron que "a imparcialidade e o respecto polas normas" que rexen este deporte serán os seus "principios básicos".

Para rematar o acto, membros do Club Yidam de Vigo deleitaron aos asistentes cunha exhibición de taekwondo acrobático, moito máis espectacular que as exhibicións tradicionais. Ao ritmo de música as veces oriental e as veces con certas pinceladas de sons góticos, os alumnos demostraron por que Vigo e Galicia son actualmente referencia no mundo do taekwondo, realizando saltos e acrobacias de grande dificultade e espectacularidade.
Descargar todas as imaxes