Escoitar

O alcalde pide novos voos a Londres e Milán e insta á Xunta a potenciar Peinador para competir con Oporto

Vigo acolleu este mércores o Comité Técnico de Rutas -no que participan representantes de AENA, da Xunta de Galicia e dos concellos galegos con aeroporto-, encontro no que Abel Caballero solicitou a potenciación de Peinador para que Galicia poida competir con Oporto. O alcalde instou á Xunta a ampliar as rutas desde Vigo, e o propio Caballero avogou por abrir liñas directas da cidade olívica a Londres e Milán.

mércores, 30 xuñ 2010
1277900393rutas.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, solicitou este mércores a apertura de rutas aéreas que unan a cidade olívica con Londres e Milán, ao tempo que instou á Xunta de Galicia a potenciar o aeródromo de Peinador para competir co de Oporto.

Así o declarou este mércores o socialista tras a celebración no Concello do Comité Técnico de Rutas, que reúne a representantes de AENA, da Xunta de Galicia e dos municipios implicados -Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela-.

O alcalde asegurou que a "verdadeira competencia" para Galicia con outras comunidades en materia aeroportuaria está en Portugal e "Vigo compite co aeroporto de Oporto", non A Coruña nin Santiago. Polo tanto, Caballero instou ao goberno autonómico e ao Comité de Rutas a "centrar os seus esforzos" en Vigo "en interese de Galicia".

O socialista apuntou nunha dobre dirección para facer competitivo ao aeroporto vigués: por unha banda mellorar as súas infraestruturas -e recordou que están "en marcha" as obras do novo aparcamento, proxectada a nova terminal que triplicará a capacidade e en proceso de resolución da nova pista de rodadura- e por outro lado ampliar os destinos. Desde Vigo, "cantas máis rutas mellor para Galicia", concluíu o rexedor.

Abel Caballero tamén explicou que Oporto está a realizar unha "agresiva" campaña de captación de clientes no sur de Galicia, o que está a repercutir na caída de pasaxeiros que ven experimentando Peinador. O alcalde defendeu a adopción dunha política comercial similar en Galicia.
Descargar todas as imaxes