Escoitar

As actividades interxeneracionais ao aire libre de Benestar Social comezan o luns e amplíanse a sete espazos de Vigo

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, explicou este xoves que o vindeiro luns 5 de xullo comezará o programa gratuíto de actividades interxeneracionais ao aire libre en sete espazos de Vigo, que se desenvolverán de 10.30 a 11.30 horas. A concelleira nacionalista destacou que está destinado especialmente ás persoas maiores cos seus netos e netas, pero que toda a cidadanía que o desexe poden participar "sen necesidade de inscrición previa".

xoves, 1 xul 2010
1277988423Interxeneracionais.JPG
"Trátase de que os vigueses e viguesas gocen das prazas, rúas e espazos de lecer da cidade", afirmou María Méndez, na presentación do programa, que terá lugar nos meses de xullo e agosto. Lembrou que inicialmente foi deseñado para que participaran os avós e as avoas cos seus netos, tendo en conta o periodo vacacional dos colexios e o programa de Avellentamento Activo.

A concelleira de Benestar Social salientou que o ano pasado este programa tivo unha "gran aceptación", xa que nel participaron máis de 1.000 persoas. En consecuencia, decidiuse ampliar as actividades, que este ano serán catro, tai chi, danzas do mundo, saúde e diversión e musicoterapia, e pasar de cinco a sete os espazos nos que se desenvolverán ao incorporar Teis e o parque de Castrelos.

María Méndez sinalou que agás os mércores, o resto dos días celebraranse dúas sesións simultaneamente. Así, os luns o programa será na Praza da Independencia e fronte o mercado de Teis; os martes, no Calvario, fronte ao mercado e no parque de Castrelos fronte as taquillas do auditorio; os mércores terá lugar na avenida de Castelao, fronte ao número 49; os xoves desenvolverase na praza da Constitución e fronte o mercado do Calvario; e finalmente os venres, na alameda de Bouzas e na avenida de Castelao fronte ao número 49.

"Na Concellería de Benestar Social cremos que esta é unha forma dinámica e bonita de que se vexa que nas prazas e rúas de Vigo se fai actividade", comentou. Finalmente animou aos vigueses e viguesas a participar nestas iniciativas "lúdicas e saudables".
Descargar todas as imaxes