Escoitar

Xabier Alonso anuncia que o sábado comezan as competicións deportivas Vigoarea 2010 na praia de Samil

O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, presentou este xoves a oitava edición do programa de competicións deportivas de verán Vigoarea, que se desenvolverán entre o 3 e o 25 de xullo na praia de Samil. Volei praia, foot voley, fútbol praia, balonmán praia, tenis praia e cachibol son os deportes que inclúe a programación, que segundo asegurou o concelleiro nacionalista "será todo un éxito".

xoves, 1 xul 2010
1277987756vigoarea.JPG
"Como concelleiro de Deportes estou moi contento de darlle continuidade a este programa, que se enmarca no noso obxectivo de fomentar o deporte e a saúde", dixo Xabier Alonso. Indicou que o programa comezará co VIII Trofeo Cidade de Vigo de Volei Praia e o Campionato Galego nas súas modalidades masculina e feminina, que se desenvolverá os días 3 e 4 de xullo. Estes mesmos días disputarase o VIII Trofeo de Foot Volei, na súa modalidade mixta.

A seguinte competición será o Trofeo Cidade de Vigo e Campionato de España de Fútbol Praia, do 9 ao 11 de xullo. Os días 17 e 18 de xullo terá lugar o XIII Cidade de Vigo de Balonmán Praia, o Campionato Galego e Memorial Roberto García Fuentes, nas súas modalidades masculina e feminina. Do 15 ao 22 de xullo disputaranse os encontros de cachibol e finalmente, os días 24 e 25 disputarase o VII Trofeo de Vigo Cidade de Vigo de Tenis Praia e o Campionato Galego.

"O principal aspecto desta programación é que en Vigo temos algo único, como son as instalacións fixas na praia", destacou Juan Carlos Andrés, responsable da organización de Vigoarea. Afirmou que Vigo é un referente a nivel turístico e deportivo, polo que mostrou a súa confianza de superar as cifras de participación de anos anteriores.
Descargar todas as imaxes