Escoitar

O alcalde salienta que a humanización de Celso Emilio Ferreiro salda unha "débeda histórica" da cidade

Os traballos de mellora da zona deron comezo este xoves co derrubo das cinco infravivendas da esquina con Venezuela. A humanización contempla novas beirarrúas de granito, mellora do saneamento, máis zonas verdes, manterá o sentido único de circulación e as prazas de aparcamento actuais. A reforma, que inclúe a ampliación do parque e a construcción da nova rotonda do Bicentenario, estará concluída a finais de outubro cun investimento de 1,2 millóns de euros.

xoves, 1 xul 2010
1277987853celsoemilio.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, subliñou este xoves que a humanización de Celso Emilio Ferreiro salda unha "débeda histórica" da cidade na zona, unha mellora que supón un investimento municipal de 1,2 millóns de euros.

Este xoves iniciouse a reforma co derrubo das infravivendas sitas en Celso Emilio Ferreiro coa rúa Venezuela, eliminando o "chabolismo puro e duro" do entorno e poñendo a Vigo "á altura do século XXI". A expropiación destas ascendeu a 365.000 euros.

Segundo explicou Caballero, a humanización da rúa -que conta cun "serio problema" de saneamento- contempla novas e ampliadas beirarrúas de granito, máis espazos verdes e a mellora das redes de servizos soterradas, ademais de ampliar o parque de Celso Emilio e o sentido único de circulación. Sobre o tráfico, o alcalde indicou que teñen "especial coidado" en manter o número actual de prazas de aparcamento e, se é posible, amplialo coa reforma ao tratarse de espazos libres de pago que supón un "desafogo" no centro da cidade para os condutores.

A finais de outubro estará rematada a remodelación do entorno de Celso Emilio Ferreiro, que foi reclamada ao alcalde fai dous anos por comerciantes e veciños da rúa, e terá como "colofón" a nova rotonda do bicentenario, ubicada no cruce desta con Camelias e Venezuela aproximadamente. A escultura que recordará a efemérida xa está decidida e o modelo arquitectónico da rotonda está en estudo entre dúas variantes: granito con verde ou con auga.

Abel Caballero amosou a súa "satisfacción" polo inicio dos traballos de humanización de Celso Emilio Ferreiro, que entronca co parque inaugurado neste mandato en Blein Budiño e as melloras realizadas na rúa Venezuela.
Descargar todas as imaxes