Escoitar

O MARCO inaugura dúas novas exposicións e adianta a súa programación para o ano 2009

o venres, 30 de xaneiro, o MARCO inaugura as dúas primeiras exposicións do ano 2009 –‘En calquera lugar, en ningún lugar’ no 1º andar, e ‘Pedro Barateiro’ no Espazo Anexo– coas que dá comezo a programación dos próximos doce meses.

xoves, 29 xan 2009
1233231969elinvierno.jpg
" El invierno haciendo estragos en la montaña y yo en esta hermosa habitación" de Jorge Barbi, 1991
Un dos feitos máis significativos da nova programación é o cambio na orientación expositiva do centro: a partir de 2009, e tras varios anos centrado na programación de mostras colectivas, o MARCO empezará a realizar exposicións individuais ou proxectos dun só artista, algo inédito nos seus seis anos de historia, se exceptuamos a programación do Espazo Anexo como sala de proxectos. En opinión do director, Iñaki Martínez Antelo, ‘esta nova liña de programación, que non exclúe a realización de mostras temáticas ou colectivas, permitirá afondar no traballo e a obra de artistas cunha relevante traxectoria, e abre a posibilidade de realizar proxectos máis ambiciosos cun só artista, algo que unha exposición colectiva dificilmente permite’. A nova liña de programación estréase en 2009 con dous artistas tan diferentes e interesantes como Santiago Sierra e Jorge Barbi –a partir dos meses de maio e outubro, respectivamente– que realizarán os seus proxectos para as salas da planta baixa.


PLANTA BAIXA

A exposición ‘7 + 1 Project Rooms’, comisariada por Gerardo Mosquera, que se prorroga ata o 19 de abril nas salas da planta baixa, pode verse dalgún modo como terrritorio intermedio ou de transición entre mostras colectivas e o novo enfoque de exposicións individuais. O proxecto parte da estrutura da planta baixa do MARCO, con sete grandes salas que poden ser utilizadas como espazos independentes, para presentar a proposta dun artista diferente en cada unha delas. Invitouse oito artistas a realizar obras específicas para o MARCO, ofrecendo a cada un deles un espazo para traballar coa liberdade e o espírito de ‘Project Room’, coma se se tratase de oito exposicións individuais. Ata a nova data de clausura, o público ten a posibilidade de visitar as obras de Monica Bonvicini, Tania Bruguera, Kendell Geers, Thomas Hirschhorn, Teresa Margolles, Jorge Perianes, Fernando Sánchez Castillo, e Young Hae Chang Heavy Industries.

O 1 de maio será a data de inauguración do proxecto que está a preparar Santiago Sierra (Madrid, 1966), comisariado por Iñaki Martínez Antelo, realizado especialmente para toda a planta baixa do museo e intimamente relacionado coa cidade de Vigo. Santiago Sierra é un dos artistas máis controvertidos e interesantes da escena artística internacional. O seu traballo, vinculado a estruturas sociais ou políticas, pretende cuestionar as relacións de poder establecidas, tanto no ámbito artístico coma no social. Nas súas obras interroga directamente o espectador sobre os límites impostos pola sociedade actual, capitalista e globalizada, sobre temas de grande carga política e social como a explotación laboral e a marxinación. Unha das súas máis famosas intervencións tivo lugar no pavillón español da Bienal de Venecia en 2003, onde se negaba o acceso ao espazo a aqueles que non puidesen certificar, mediante un documento oficial de identidade, a súa nacionalidade española, como reflexión sobre a fronteira como instrumento de control e sobre as políticas de inmigración. Recentemente presentou a obra Los penetrados na Galería Helga de Alvear de Madrid.

Xa no mes de outubro, será Jorge Barbi (A Garda, Pontevedra, 1950) quen tome o relevo e presente, nun proxecto comisariado por Juan de Nieves, unha exposición que ocupará de novo todas as salas da planta baixa do MARCO. O obxectivo é poñer de relevo a obra dun artista moi recoñecido pola súa sólida traxectoria, pero que en contadas ocasións realizou mostras do seu traballo nun proxecto individual. Se ben a mostra ofrecerá unha ampla visión da obra de Jorge Barbi, neste caso non se trata dunha retrospectiva ao uso, senón dunha revisión da súa produción dos últimos vinte anos a partir dos arquivos, case todos eles inéditos, nos que o artista leva moito tempo traballando. Para a súa exposición no MARCO, o punto de partida constitúeno varias series de fotografías realizadas nas últimas décadas, e unha coidada selección de pezas anteriores, de modo que a partir deste conxunto se poidan establecer novas lecturas do seu traballo.

PRIMEIRO ANDAR

No primeiro andar, coa exposición ‘En calquera lugar, en ningún lugar’, comisariada por José Miguel Cortés e coproducida con La Panera de Lleida, o MARCO continúa a súa liña de coprodución de proxectos, consciente da necesidade de entender o contexto no que se incribe o museo e, así mesmo, de xuntar e rentabilizar esforzos entre espazos de características similares. Esta mostra analiza as relacións entre artes visuais, cinema e literatura, establecendo vínculos entre obras dos artistas Edward Ruscha, Bernd & Hilla Becher, Sophie Calle, Alberto García-Alix, Philip-Lorca diCorcia, Francesco Jodice, Chantal Akerman ou Candida Höfer; os cineastas Wim Wenders, Jacques Tati, Alain Tanner ou Wong Kar-Wai, e autores como Jack Kerouac, Paul Auster, Ray Loriga, Georges Perec, Edgar Allan Poe, William S. Burroughs, Santiago Gamboa ou Jorge Luis Borges. Un proxecto que, en palabras do comisario, ‘trata, dun modo un tanto caótico e fragmentado, da conexión entre tempo, memoria e lugar (ou, se se quere, entre fotografía/cinema, literatura e cidade); un proxecto que intenta comprender de qué modo os espazos marcan o tempo e están vinculados á memoria do lugar’.

A finais de maio preséntase a mostra colectiva ‘Living Together. Estratexias para a convivencia', producida polo Centro Cultural Montehermoso, e comisariada polo seu director Xavier Arakistain, e Emma Dexter. A partir dunha reflexión sobre a pluralidade de grupos e suxeitos que conviven hoxe en día no contexto social, político e económico, a exposición pretende cuestionar como se constrúen e se negocian narrativas ou valores sociais que regulan a idea de convivencia. Neste sentido, reúne artistas procedentes de diversos contextos que propoñen unha serie de estratexias contemporáneas para a convivencia, como Daniel Baker, Marcus Coates, Gardar Eide Einarsson, Nicole Eisenman, Claire Fontaine, Dora García, Delaine Le Bas, Josephine Meckseper, Mai-Thu Pret, Société Réaliste, Paula Trope, Eulàlia Valldosera, Lynette Yiadom-Boakie e Artur Zmijewski.

Xa en outubro inaugurarase a exposición de produción propia ‘Mirrors/Espellos’, comisariada polo italiano Gyonata Bonvivini; o proxecto gañador da última convocatoria do Premio MARCO para Novos Comisarios, que se volverá convocar no presente ano. O xurado, formado por Jürgen Bock, crítico de arte e comisario independente; María de Corral, crítica de arte e comisaria independente; Alberto Ruiz de Samaniego, director da Fundación Luis Seoane; Teresa Velázquez, Xefe de exposicións do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (MNCARS), e Iñaki Martínez Antelo, director do MARCO, tomou a decisión despois de analizar detidamente un total de 34 candidaturas. ‘Mirrors/Espellos’ reúnirá traballos radicais e experimentais de artistas que teñen en común a súa actitude ante as imaxes e o seu reflexo, a repetición e a reapropiación da cultura. Na mostra participarán, entre outros, os artistas Micol Assaël, Michaël Borremans, Maya Deren, Hreinn Fridfinnsson, Charles Henri Ford, Giuseppe Gabellone, Isa Genzken, Kitty Kraus, Susan Philipsz e Cerith Wyn Evans.

ESPAZO ANEXO]/B]

O Espazo Anexo tamén experimenta cambios na súa programación neste ano 2009, durante o cal se desenvolverá o ciclo de exposicións ‘Puntos de encontro/ Meeting Points’, un proxecto comisariado por Agar Ledo Arias, responsable de exposicións do MARCO, no que cinco artistas establecerán un diálogo entre o espazo de exhibición e o seu ámbito máis inmediato na cidade de Vigo. O Anexo converterase, deste modo, no lugar das conclusións ou da formalización das experiencias, fronte á consideración do museo como lugar de exposición do obxecto. A primeira fase do proxecto ‘Puntos de encontro’ inaugúrase o 30 de xaneiro coa exposición de Pedro Barateiro (Almada, Portugal, 1979), para continuar con Manuel Eirís (Santiago de Compostela, 1977), Carlos Bunga (Oporto, Portugal, 1976), Nicolás Combarro (A Coruña, 1979) e José Dávila (Guadalajara, México, 1974), ao longo de 2009 e principios de 2010.

Descargar todas as imaxes