Escoitar

O Pleno aproba definitivamente a modificación das ordenanzas fiscais para 2008

Cos votos favorables de PSdeG-PSOE e BNG e a abstención do PP, o Pleno aprobou definitivamente este luns unha serie de modificacións das ordenanzas fiscais para 2008. A finalidade destas modificacións, segundo afirmou a concelleira de Economía e Facenda, Raquel Díaz, é favorecer os vigueses e viguesas con menor capacidade económica.

luns, 3 dec 2007
1196691792pleno031207.jpg
Díaz explicou que isto "é só o inicio" dunha serie de medidas dun plan "máis ambicioso, global e integrador" do Goberno local. A concelleira asegurou que o obxectivo principal deste plan é "a redución das taxas e impostos para aqueles vigueses e viguesas que, polas súas condicións de escasa capacidade económica, merecen unha atención especial por parte deste Goberno".

Así, Raquel Díaz destacou que as persoas dependentes con ingresos inferiores aos 630,09 euros mensuais estarán exentas de pagar a tarifa do servizo de axuda domiciliaria. Para o resto de usuarios deste servizo municipal contémplanse rebaixas de ata o 49%.

Ademais, en 2008 non terán que pagar o imposto do lixo aqueles vigueses menores de 65 anos que vivan sós e con ingresos anuais inferiores a 5.955 euros. Tamén estarán exentos de pagar este imposto os veciños maiores de 65 anos que vivan sós e teñan ingresos inferiores a 9.357 euros anuais.

A ordenanza modificada tamén introduce medidas fiscais favorables para outros colectivos en circunstancias especiais, como son as familias monoparentais e as vítimas de violencia de xénero.

No Pleno deste luns tamén se tomou a decisión de conxelar as tarifas doutros servizos municipais de carácter social. Desta forma, non subirán en 2008 as tarifas das escolas de primeira etapa de educación infantil.

Así mesmo, durante a súa intervención para defender estas medidas, Raquel Díaz recordou que o Goberno local está estudando a posibilidade de modificar a taxa da auga, no sentido de pasar "dunha tarifa por tramos a unha tarifa por consumo". O obxectivo desta medida sería promover o aforro de auga entre os cidadáns.
Descargar todas as imaxes