Escoitar

O Concello destina 89.000 euros á Policía Local para retribuír xornadas de reforzo

A Xunta de Goberno Local aprobou este luns a retribución en concepto de produtividade de 439 xornadas realizadas por 264 funcionarios da Policía Local como parte do programa de reforzos do pasado mes de outubro, por un importe de 89.000 euros.

luns, 3 dec 2007
1196688585xunta031207.jpg
Dos 264 funcionarios, 227 son policías locais, 19 oficiais, 14 inspectores e catro inspectores principais. O importe de cada xornada é de 200 euros para os policías locais, 213 para os oficiais, 240 para os inspectores e 249 para os inspectores principais.

Cruz Vermella

O Concello aboará á Cruz Vermella Española 20.000 euros en concepto de indemnización substitutiva dos gastos derivados da prestación de primeiros auxilios e transporte sanitario nos areais de Vigo durante o período de ampliación deste servizo o pasado verán.

O convenio entre o Concello e a Cruz Vermella para a prestación deste servizo establecía unha duración de algo máis de dous meses, concretamente do 16 de xuño ao 22 de agosto, por un importe de 120.000 euros. O 30 de xullo o Pleno aprobou unha modificación de crédito para financiar a prórroga do convenio ata o 16 de setembro, pola cantidade mencionada de 20.000 euros.

Plan Xeral

Na súa comparecencia ante os medios tras a reunión da Xunta de Goberno, o alcalde, Abel Caballero, anunciou a convocatoria, para mañá martes na Xerencia de Urbanismo, dos portavoces dos tres grupos políticos municipais para entregarlles a información técnica sobre a metodoloxía seguida para a elaboración do estudo económico do novo Plan Xeral. Caballero, que cualificou este estudo de "espléndido", explicou que o obxecto da reunión é preparar os grupos políticos para que no Consello Sectorial de Urbanismo do mércores 5 esta información non lles resulte "incomprensible".

Sobre o cumprimento do calendario para a tramitación do PXOM feito público a semana pasada pola concelleira de Urbanismo, Carmen Silva, o alcalde afirmou que "mantemos a necesidade imperiosa de aprobar este Plan o antes posible".

Descargar todas as imaxes