Escoitar

O Concello apoia os actos convocados no Día Mundial de Loita contra a SIDA

A concelleira de Benestar Social, María Méndez, expresa o seu máis firme apoio aos actos convocados na cidade con motivo da conmemoración do Día Mundial de Loita contra a SIDA que terán lugar este sábado baixo o lema "Detén a SIDA. Mantén a promesa".

venres, 30 nov 2007
A concelleira salienta que as iniciativas programadas "mostran á sociedade o traballo que desenvolven ao longo do ano as distintas entidades integradas no Plan Local sobre Drogodependencias e Outras Adiccións do Concello de Vigo, destinado a minimizar os danos asociados ao consumo de drogas, a diminuír a marxinalidade e potenciar a prevención da SIDA".

"Dende o Concello queremos potenciar o traballo conxunto e coordinado entre todos os colectivos para desenvolver campañas de sensibilización da sociedade sobre este tema e na inserción social das persoas que padecen a enfermidade", indica María Méndez, quen engade que os principais impulsores e impulsoras do liderado na loita contra a SIDA "son todos e todas aqueles profesionais, voluntarios e voluntarias que día a día están a traballar para acadar unha maior calidade de vida e benestar das persoas afectadas por esta enfermidade".

Ademais, a concellerira nacionalista anima a cidadanía a tomar parte nos actos que terán lugar durante estes días na cidade organizados por diversas entidades comprometidas na loita contra a SIDA, como CEDRO, Médicos do Mundo e os Hermanos Misioneros dos Enfermos Pobres.

CEDRO- Grupo de autoapoio VIH/SIDA e adiccións "Imán" acenderá o lazo representativo da loita contra a SIDA e repartirá o material informativo o sábado de 10:00 a 13:00 horas na entrada principal do Alcampo de Coia. Ademais, ás 12.00 horas terá lugar a lectura do manifesto e gardaranse tres minutos de silencio en lembranza de todas as persoas finadas a causa da SIDA no mundo. Tamén ten previsto desenvolver un obradoiro entre os días 10 e 14 de decembro baixo o título"Liderado no campo da prevención do VIH/SIDA", sobre o que se pode obter máis información na UAD do Concello de Vigo.

Médicos do Mundo, pola súa banda, convida a participar nun ciclo de cine sobre cine e SIDA que terá lugar do 3 ao 7 de decembro (en horario do CEREDA). Os Hermanos Misioneros dos Enfermos Pobres desenvolve este sábado a terceira xornada do seminario que sobre concienciación comezou o día 29 dirixido aos residentes do centro.