Escoitar

Abel Caballero quere cumprir o calendario de aprobación do Plan Xeral

O alcalde, Abel Caballero, mostrou este xoves a súa vontade de cumprir o calendario feito público onte mércores pola concelleira de Urbanismo, Carmen Silva, para a aprobación definitiva do Plan Xeral. "Imos dar os prazos razoables para que o proxecto poida ser estudado por todo o mundo pero manteremos o empeño en que sexa aprobado con premura", afirmou.

xoves, 29 nov 2007
1196345771pxomalcalde291107.jpg
Caballero volveu defender o "profundo contido social" do PXOM, materializado no 43% de solo para vivenda protexida introducido polo actual Goberno local. Este cambio supuxo, en palabras do alcalde, un "xiro cualitativo" que adecúa o documento "ás demandas e ás necesidades da cidade".

Ademais, Abel Caballero asegurou que o Plan Xeral se aprobará "nun tempo récord" e "terá total e absoluta garantía xurídica", xa que vén "avalado por informes serios". O alcalde contrapuxo esta circunstancia ao posicionamento contrario ao novo PXOM manifestado por APROIN e a Federación de Asociacións de Veciños "Eduardo Chao". "Quen queira emitir opinións que queiran ser tidas en conta que as substancie e as documente", dixo neste sentido o alcalde.

Caballero recordou que o mércores 5 de decembro os membros do Consello Sectorial de Urbanismo e "especialmente" os tres grupos políticos municipais "terán a documentación que lles permitirá o coñecemento exhaustivo dos cambios" introducidos no Plan Xeral, de cara á reunión do Consello prevista para o martes 11. O calendario para a aprobación do documento complétase coas reunións do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo e da Xunta de Goberno Local do luns 17 e do Pleno da Corporación do xoves 20, no que se debaterá a aprobación do Plan para o seu envío á Xunta de Galicia.

Solicitude ao Ministerio de Medio Ambiente

Por outra parte, Abel Caballero informou de que este xoves asinou unha solicitude do Concello ao Ministerio de Medio Ambiente para que o Estado declare de interese xeral as obras necesarias para ampliar e mellorar o subministro para consumo industrial de auga en Vigo e no seu contorno. Entre estas obras, que finalizarían nun prazo de 10 a 12 anos e suporían un investimento de 190 millóns de euros, destaca a construción dun novo encoro en terreos dos concellos de Fornelos de Montes e Pontecaldelas.
Descargar todas as imaxes