Escoitar

O proxecto museístico da finca Mirambel abrirá ao público no verán de 2008

O tenente de alcalde, Santiago Domínguez, anunciou este mércores que o proxecto museístico que se está a levar a cabo na finca Mirambel abrirá ao público no verán de 2008. Domínguez, que realizou estas declaracións nunha visita ao xacemento arqueolóxico na que tamén participou a concelleira de Patrimonio Histórico, Elena Maure, sinalou que o remate deste proxecto enmárcase na "aposta decidida que fai o BNG por recuperar o patrimonio histórico da cidade de Vigo".

mércores, 28 nov 2007
1196257755mirambel.jpg
A concelleira de Patrimonio Histórico, pola súa banda, explicou as actuacións que se levarán a cabo nos vindeiros meses, entre as cales están a instalación dun valado perimetral arredor de todo o recinto, así como o acceso ao mesmo, que se fará pola súa parte máis alta. O obxectivo é que o visitante, ao entrar, "teña unha visión global e de conxunto", indicou Elena Maure, quen lembrou que con estas iniciativas rematará un proxecto iniciado no ano 2002 e que tivo que ser modificado por motivos técnicos. A última modificación, apuntou a concelleira, tivo que facerse ao atopar xacementos arqueolóxicos non previstos nos traballos de cimentación dunha pasarela.

O proxecto museístico contará cunha sinaléptica completa, de xeito que a información que proporcione permita realizar unha visita autónoma ao conxunto arqueolóxico. Ademais, segundo explicou o director das escavacións e profesor de arqueoloxía da Universidade de Vigo, Fermín Pérez Losada, procúrase que os visitantes revivan o pasado facendo unha viaxe dende o século XXI ata o IV d. C., "respectando a circulación dunha casa romana".
Descargar todas as imaxes