Escoitar

A Concellería de Deportes organiza unha xornada técnica sobre o deporte vigués o 15 de decembro

O 15 de decembro, a Casa do Deporte de Vigo acollerá unha xornada técnica dedicada á análise do deporte vigués, organizada pola Concellería de Deportes. A universalización da actividade deportiva, os deportes náuticos, a viabilidade económica das asociacións deportivas e a participación da muller no deporte son as áreas de traballo que centrarán esta xornada, dirixida preferentemente ás persoas vencelladas ao ámbito deportivo.

martes, 27 nov 2007
1196169858deportes271107.jpg
Segundo explicou este martes o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, "estas xornadas son o reflexo de que ás veces é necesario reflexionar sobre o que se fai". O concelleiro indicou que baixo o título "Novos escenarios para o deporte vigués", terán lugar tres ponencias, a partir das 10.10 horas do 15 de decembro: unha sobre o deporte popular, a cargo do propio concelleiro; outra sobre o futuro do deporte de base, a cargo de Jorge Santos López, director de publicidade institucional de Caixanova; e a terceira centrada no futuro dunha cidade a través dos grandes eventos deportivos, que correrá a cargo do tenente de alcalde, Santiago Domínguez.

A partir das 12.00 horas desenvolveranse dúas mesas redondas simultáneas. Unha delas terá como eixo central a universalización das prácticas deportivas como unha actividade saudable. O ponente será Juan José Crespo Salgado, profesor da Universidade de Vigo. Ademais, esta mesa redonda contarán coa participación de Pablo Casal Núñez, especialista en actividade física para adultos; Marina Abruñedo Guillán, colaboradora do programa "Corre con Vigo", e Manuel Rosales, atleta veterano.

A segunda mesa redonda versará sobre a relación de Vigo cos deportes náuticos e terá como ponente a Xabier Alfonso Cornes, enxeñeiro e director técnico da sección de remo e das escolas deportivas do Real Club Náutico de Vigo. Ademais, participarán Xoán Ramón Carballo, presidente do Liceo Marítimo de Bouzas; Anselmo Miranda, secretario do Club de Remo de Coruxo; e Ignacio Ojea, responsable do proxecto Mar de Vigo.

Xa pola tarde, a partir das 16.30 horas terán lugar as mesas redondas sobre a viabilidade económica do asociacionismo deportivo e a muller e o deporte. Na primeira delas, o ponente será Javier Rico Díaz, xerente da Fundación Deporte Galego. Esta mesa redonda contará coa presenza de José Daniel Costas Fernández, presidente da Asociación de Clubes de Fútbol; Enrique Urdiales de Santiago, presidente do Club Hockey Vigo Stick; e Antón Piñeiro, presidente do Club Seis do Nadal de Balonmán.

Marian Fernández Villarino, profesora da Universidade de Vigo, será a ponente da mesa redonda sobre a muller e o deporte. Nela participarán a deportista de elite e licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte Tamara Valderrama Santomé; a asesora da Dirección Xeral para o Deporte da Xunta, Cristina Fernández Piñeiro; e a presidenta do Club de Fútbol Sampaio, Victoria Villaverde López.

Tras o debate nas mesas de traballo, terá lugar a exposición da conclusión das xornadas, prevista para as 18.45 horas, que posteriormente servirá de "orientación ao día a día do deporte vigués, no que se vencelle teoría e práctica", segundo sinalou Xabier Alonso, quen explicou que aínda que a participación na xornada é gratuíta, é necesario facer unha inscrición previa antes do 11 de decembro.
Descargar todas as imaxes