Escoitar

Santiago Domínguez avoga polo consenso para a aprobación do Plan Xeral

O tenente de alcalde, Santiago Domínguez, volveu apostar este martes polo "maior consenso social" para a aprobación do novo PXOM, despois de reunirse no seu despacho coa presidenta da Federación de Asociacións de Veciños "Eduardo Chao", Elena González.

martes, 27 nov 2007
1196174371elenagonzalez271107.jpg
O encontro entre Santiago Domínguez e Elena González produciuse un día despois de que a Asemblea da Federación Veciñal decidise non apoiar o Plan Xeral. A postura contraria ao documento, adoptada por 24 das 25 asociacións que compoñen a Asemblea, foi explicada por Elena González nos seguintes termos: "Non avalamos este Plan por medo á inseguridade xurídica".

O tenente de alcalde mostrou a súa "preocupación" pola falta de apoio da Federación Veciñal, que achacou a "problemas con pequenos propietarios que ven prexudicados os seus intereses" pola introdución da reserva do 43% da edificabilidade residencial nos ámbitos de solo urbano non consolidado e de solo urbanizable para vivenda protexida.

En relación a un posible retraso na aprobación do PXOM a causa da postura da Federación de Asociacións de Veciños, Santiago Domínguez sinalou que "a solución pasa por buscar o consenso" e "rebaixar pretensións", xa que "canto máis respaldo teña este Plan menos risco haberá de inseguridade". Neste sentido, o tenente de alcalde afirmou que "se hai que retrasar a aprobación dez días que se retrase".
Descargar todas as imaxes