Escoitar

O ARE-MORE ofrece unha adaptación da ópera "Orfeo e Eurídice" á linguaxe dos títeres

A compañía La Mar de Marionetas ofrecerá ao público do Festival ARE-MORE unha inmersión no fantástico mundo da mitoloxía e dos títeres grazas á súa última produción, "Orfeo e Eurídice", unha ópera de C.W. Gluck. As dúas primeiras funcións serán o domingo 2 de decembro ás 16.30 e 19.00 horas no Teatro Salesianos.

venres, 30 nov 2007
1196428899orfeoeeuridice.jpg
Orfeo e Eurídice
Orfeo e Eurídice son os protagonistas desta ópera, composta por C.W. Gluck e adaptada á linguaxe dos títeres, coa que a compañía La Mar de Marionetas introduce o público no fantástico mundo da mitoloxía. Utilizando toda a maxia dos títeres, as marionetas e as sombras, La Mar de Marionetas conta esta aventura onde "o amor pódeo todo". A compañía pretende implicar o público familiar neste espectáculo ao que acompaña unha orquestra en directo dirixida por José Luis Merlín.

O obxectivo desta versión para marionetas da ópera de C.W. Gluck "Orfeo e Eurídice" é aunar nun espectáculo o gusto pola cultura clásica através dos seus mitos, o goce e entendemento da boa música, o cultivo da sensibilidade polas obras de arte de grandes pintores e escultores e a posta en escena coa linguaxe desenfadada e cómica do teatro de marionetas.

A compañía La Mar de Marionetas naceu en 1997 a partir da traxectoria profesional de Marta Bautista. Desde o seu inicio, ademais de ofrecer entretemento aos máis pequenos, os obxectivos da compañía en todas as súas producións concéntranse en potenciar programas artísticos e educacionais capaces de crear un hábito nun público familiar, xuvenil e adulto. En outubro de 2001, a compañía inicia a súa colaboración en espectáculos de encargo con museos e parques, e desde entón ten realizado seis destas producións, catro delas para o madrileño Templo de Debod, sobre Exipto.

En 2005, Marta Bautista recibiu o Premio á Mellor Actriz e Feiticeira de Marionetas co espectáculo "Cenicienta", no Festival de Varna (Bulgaria).

A estrea de "Orfeo e Eurídice" tivo lugar no Festival Internacional de Marionetas de Tolosa como espectáculo inaugural da súa 24ª edición, o 25 de novembro de 2006, cunha grande acollida de público e crítica.

As dúas primeiras funcións deste espectáculo dentro do ciclo de formación de públicos do Festival ARE-MORE serán o domingo 2 de decembro ás 16.30 e 19.00 horas no Teatro Salesianos. O prezo da entrada será de 3 euros para adultos e de 2 euros para nenos e nenas ata 12 anos. As entradas sobrantes para ambas as funcións poranse á venda na taquilla do teatro o propio domingo, a partir das 15.00 horas.

Ademais, o luns 3 e o martes 4 haberá dobre sesión do espectáculo (10.00 e 12.00 horas) para escolares.
1196428899orfeoeeuridice.jpg
1196428924afrechadeamor.jpg
1196428939cerbero.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información