Escoitar
Declaración da Concellería de Benestar Social co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade

Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Traballar en condicións de igualdade

luns, 3 dec 2007
Este luns, día 3 de decembro, é o Día Internacional das Persoas con Discapacidade das Nacións Unidas, e por ese motivo, dende a Concellería de Benestar Social queremos chamar a atención sobre a necesidade de garantir un traballo digno e adecuado para as persoas con discapacidade, e de aproveitar as súas capacidades e talentos. Lembremos que neste ano, o Día Internacional da Persoas con Discapacidade se dedica especialmente ao dereito destas persoas a traballar en condicións de igualdade cos demais.

Queremos poñer en evidencia as barreiras que impiden a súa plena participación no mercado laboral e queremos destacar os esforzos que se fan co fin de eliminar esas barreiras.

Constatamos que no mundo do traballo, este grupo sufre un maior desemprego e ingresos menores que as persoas sen discapacidade.

Destacamos a importancia da igualdade de oportunidades para as persoas con discapacidade. Estamos convencidos da necesidade de promover e protexer os dereitos e a dignidade destas persoas.

Cómpre paliar a profunda desvantaxe social das persoas con discapacidade e promover a súa participación con igualdade de oportunidades en todos os ámbitos e en particular no eido laboral.


Invitamos á sociedade a manter unha actitude de non discriminación; a que se respecte a diferenza e que a discapacidade sexa aceptada como parte da diversidade e a condición humana; a que se garanta a igualdade de oportunidades; a buscar a accesibilidade; e que se promova a evolución dos nenos con discapacidade cara á consecución de maiores logros baseados nas capacidades que posúen.

Ser conscientes da necesidade de adoptar medidas para que ningunha persoa, organización ou empresa privadas discriminen por motivos de discapacidade.

Vemos a necesidade de promover a capacitación de profesionais e persoal que traballa con persoas con discapacidade para prestar mellor asistencia e os servizos garantidos.

En fin, tomemos unha maior concienciación social e favorezamos a inserción no mercado laboral e a accesibilidade universal.