Vigo inaugura a Feira do Libro reivindicando a lectura como “a gran revolución da historia da humanidade”
O alcalde participou na apertura da nova edición da Feira do Libro de Vigo, que permanecerá instalada na Praza de Compostela ata o 7 de xullo. Louvou á organización, salientou o labor das librarías e reivindicou o apoio público á promoción da cultura. O Concello participa nesta edición coa caseta da Biblioteca Municipal Neira Vilas e a do Centro de Documentación e Recursos Feministas.
Abel Caballero percorreu as casetas da feira e saudou aos libreiros e libreiras, que estes días atenderán ao público, recibirán a grandes escritoras e escritores para sinaturas de libros e acollerán coloquios e conferencias.
Na presentación, o rexedor tivo palabras de recoñecemento para o escritor e pregoeiro Manuel Esteban, do que destacou a súa capacidade para compatibilizar a creación literaria coa súa profesión e a calidade dunha obra que cualificou de “excepcional”. Así mesmo, puxo en valor o traballo dos libreiros e libreiras, representados por Elena Filgueira, aos que definiu como “os testemuños vivos” da relación entre os lectores e os libros. “Sodes quen facedes posible ese momento extraordinario no que un libro pasa dun estante a formar parte da vida de cada persoa”, sinalou. O alcalde tamén quixo lembrar a Domingo Villar, “gran escritor, marabilla de persoa e gran vigués que permanece connosco a través da súa obra, da súa memoria e da nosa memoria colectiva”.
O alcalde reivindicou a importancia do libro como ferramenta esencial para o progreso da humanidade. “O libro foi a gran revolución da historia da humanidade. Grazas a el, a nosa memoria deixou de ser algo subxectivo para quedar plasmada e transmitirse ao longo dos séculos”, afirmou. Tamén felicitou á organización da feira e subliñou que “unha parte esencial da acción pública ten que ser a promoción da cultura”, agradecendo igualmente o labor de editores e editoras. “Cada vez que abrimos un libro, facemos algo distinto, porque cada lector crea un libro diferente”, concluíu o rexedor.