Escoitar

Todo preparado en Castrelos para o inicio dos grandes concertos do verán

Abel Caballero visitou a montaxe do escenario e destacou a mellora do sistema de son. “Temos a mellor infraestrutura da historia para os concertos de Castrelos”.

mércores, 1 xul 2026

O alcalde anunciou que xa está todo preparado para o inicio da programación de concertos de Castrelos, que abrirá o mítico grupo Deep Purple o xoves 2 de xullo. Caballero explicou que a montaxe do escenario está practicamente rematada e que xa se elevou a cuberta, unha estrutura que baixa tras cada concerto por motivos de seguridade. “Temos todo perfectamente operativo para comezar unha nova temporada de grandes concertos”, afirmou.

Caballero puxo especialmente en valor unha das principais novidades desta edición, unha mellora técnica “que non se ve, pero que se vai notar”. Trátase dun exhaustivo estudo acústico realizado en toda a bancada e no parque que permitirá ofrecer unha calidade de son uniforme en todo o recinto. “Temos un estudo detallado do son, practicamente metro cadrado a metro cadrado. O son escoitarase coa mesma calidade tanto diante do escenario como na parte máis afastada do parque”, explicou.

Tal e como sinalou, esta mellora permitirá garantir unha experiencia óptima mesmo nos concertos de maior afluencia, con entre 60.000 e 70.000 asistentes. “A visión do escenario non sempre é posible para quen está máis atrás, pero o son chegará con total nitidez”, indicou.

Ademais, destacou que tamén se optimizou a localización da torre de control de son e imaxe, situándoa a unha altura menor para evitar que obstaculice a visibilidade do escenario desde parte da bancada. “Temos a mellor montaxe que se fixo nunca en toda a infraestrutura dos concertos de Castrelos”. Así, amosou a súa satisfacción polo inminente inicio da programación musical e deu a benvida a Deep Purple, ao que definiu como “un grupo mítico e extraordinario”, encargado de abrir unha nova edición dos concertos de verán en Castrelos.

Descargar todas as imaxes