O Concello chama a gozar da primeira edición do Festival de Artes Poéticas "Astro Labia"
Poesía e música, interpretadas por autoras e autores galegos, conforman a espiña dorsal da nova cita cultural sobre o mar que terá lugar mañá xoves 2 e o venres 3 de xullo no café Vitruvia e na Taberna do Náutico.
O concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, destacou esta mañá na presentación da iniciativa con Marcos de la Fuente e Vanesa Álvarez, que o novo evento poético musical, “Astro Labia”, que da continuidade ao Festival Kerouac, conta coa presenza de artistas de recoñecido prestixio “que van posicionar a Vigo como un referente no ámbito da poesía”.
O edil anima á cidadanía a gozar tanto da feira do libro, como do festival de artes poéticas e do cine ao aire libre no Pazo de Castrelos, impulsadas desde o Concello de Vigo. “Unha semana culturalmente intensa”, afirmou Gómez.
Marcos de la Fuente, promotor do festival, explicou que a nova cita cultural une música electrónica, pop e poesía recitada. Contará coa participación de Yolanda Castaño, Rumia, Laura Álvarez, Belish, Lontras, Mónica de Nut e Isga Collective Feat. Sinalou a vocación de “facer sinerxía” coa Feira do Libro que comeza hoxe na Praza de Compostela , "coa ambición de facer unha fin de semana musical e literaria en Vigo".