Escoitar

O Marisquiño completa a súa programación musical con LG1DO, Nusar3000 e Rebeliom do Inframundo

O alcalde de Vigo informou este mércores de que O Marisquiño pechou a súa programación musical para a edición de 2026 cun cartel que supera os 40 artistas. O festival conta cunha achega económica municipal de 1,3 millóns de euros

mércores, 17 xuñ 2026

O Marisquiño completa a súa programación musical con máis de 40 artistas que debuxan unha cartografía sonora da cultura urbana. Segundo destacou o rexedor, o evento contará con música todos os días, do 6 ao 9 de agosto, ofrecendo a proposta "máis ampla e diversa" da súa historia e consolidándose como un "punto de encontro entre distintas escenas e xeracións de artistas".

As novas incorporacións están encabezadas por LG1DO, un mozo de 18 anos que xa entrou no Top 10 viral de Spotify cantando en galego; Nusar3000, produtor que colaborou con artistas como Rosalía. Caballero tamén subliñou a presenza de Rebeliom do Inframundo, "un dos máximos expoñentes do rap galego", así como de VVV [Trippin’ You] e High Paw, referente do reggae en España. Estas confirmacións súmanse ás xa anunciadas de Lorna, Fresquito e Mango e El Virtual.

Abel Caballero puxo en valor que Vigo non só é unha referencia mundial no deporte urbano, senón que agora tamén se converte nun "referente da cultura urbana sonora", un evento ao que o Concello achega 1,3 millóns de euros anuais. A programación, que terá como escenario principal a praia de Samil, inclúe desde o sound system e o freestyle rap ata o turntablism e a electrónica. Neste sentido, o cartel articúlase en tres grandes liñas: as novas correntes urbanas (con West Srk ou CANDi), as escenas fundacionais (con Chalart58 & Matah) e a electrónica underground (con artistas vigueses como Nueva Apóstol e Pálida). 

A programación complétase coa xa presentada final ibérica do Mundial de MC (DMC), un dos puntos fortes da programación, que reunirá en Vigo aos 20 mellores DJs de España e Portugal. Esta competición é unha referencia mundial e contará cun xurado internacional de prestixio, ademais de demostracións e showcases no propio festival.

 

Descargar todas as imaxes