O Goberno de Vigo renova o apoio a cinco entidades sociais por 546.000 euros anuais
O alcalde mantivo un encontro este martes con AFAN, Fundación Casa Caridad, Vida Digna, Banco de Alimentos e Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e trasladoulles a continuidade do apoio municipal ao seu labor.
O Goberno municipal vén de renovar os convenios de colaboración coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharahuí, o Banco de Alimentos, Vida Digna, a Fundación Casa Caridad e AFAN por un importe total de 546.000 euros para prestar axuda ao seu labor ao longo deste ano 2026.
Tal e como explicou Abel Caballero o convenio coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharahuí para 2026 ten un importe de 70.000 euros, co fin de financiar os voos de nenas e nenos saharauís que participan no programa solidario “Vacacións en paz”. af
No caso do Banco de Alimentos, o Concello asina un convenio de colaboración por un período de catro anos, 2026-2029, por un importe de 480.000 euros, a razón de 120.000 euros ao ano, para atender as necesidades de alimentación dos seus usuarios.
O acordo con Vida Digna tamén se prolonga catro anos, 2026-2029, cun orzamento de 205.740 euros, 51.435 euros anuais, para manter o seu comedor social e a prestación de axudas de alimentos a persoas en risco ou situación de exclusión social.
A Fundación Casa Caridad, Comedor social La Esperanza renova o convenio 2026-2029 cun importe de 320.000 euros (80.000€/ano) para a prestación do servizo de comedor a persoas sen fogar, con dificultades, ou en risco de exclusión social.
O convenio con AFAN, Asociación Freixeiro de Axuda ao Necesitado, para o período 2026-2029 ten un presuposto de 260.000 euros (65.000€/ano) para atender a máis de 700 familias viguesas.
Caballero puxo en valor o financiamento anual do Concello aos comedores sociais da cidade, que acada os 476.000 euros neste 2026. Ademais, “dedicamos ao albergue 1.028.000 euros ao ano. Somos a única cidade galega cun albergue municipal que tamén ten comedor social”.