Escoitar

Vigo conmemora o XXX aniversario do falecemento de Laxeiro cun percorrido por viñetas inéditas

A Fundación Laxeiro acolle ata o 20 de setembro "Laxeiro, as viñetas que non foron ao prelo", unha selección de debuxos inéditos realizados polo artista nos anos 20 do século pasado. A mostra foi inaugurada esta mañá polo alcalde.

martes, 16 xuñ 2026

Na súa intervención no acto, Abel Caballero destacou que as obras realizadas por Laxeiro na súa mocidade evidencian o seu profundo coñecemento do debuxo e a capacidade de expresión plástica que o proxectaron como un dos grandes artistas do século XX.

"Laxeiro, as viñetas que non foron ao prelo" recompila unha serie de obras sobre papel que son o antecedente do traballo periodístico que lle deu a Laxeiro sona como artista en toda Galicia cando tiña entre vinte e vinte e dous anos. Ademais os debuxos teñen un indiscutible interese histórico, narrativo, plástico ou estético.

A Fundación Laxeiro rescata un pequeno grupo de debuxos inéditos dos anos vinte, nos que se pode rastrexar unha gran parte das características que definiron o seu traballo posterior. A exposición, produto do labor de investigación que a Fundación leva a cabo de xeito continuado, reivindica un Laxeiro moi novo, totalmente inserido xa nas correntes internacionais das vangardas de entre guerras. Así, rescata do esquecemento unha serie de debuxos realizados por Laxeiro na segunda metade dos anos vinte, cando o pintor, apenas saído da adolescencia e retornado da Habana, xa tiña decido ser artista.

O título obedece a que, polo seu estilo e tamén pola técnica utilizada, estes debuxos aseménllanse moito aos coñecidos como os Monos de Laxeiro, unha serie de corenta e nove viñetas que o artista publicou nos xornais El pueblo gallego e Faro de Vigo entre 1928 e 1930, no que foi o seu primeiro traballo. As viñetas foron recuperadas na súa totalidade pola Fundación Laxeiro en 2018 e mostráronse na exposición titulada Os monos de Laxeiro. Obra humorística na prensa, para a que se publicou o libro co mesmo título, na editorial Laiovento.

Na inauguración da mostra participaron Carmela Silva, primeira tenente de Alcaldía; Gorka Gómez, concelleiro de Cultura; Javier Buján, comisario; Carlos García-Suárez Otero, director Xeral da Fundación Laxeiro; Paula García-Suárez Fernández, vicepresidenta segunda da Fundación Laxeiro. 

Interese histórico

Os debuxos ilustran o traballo dun Laxeiro moi novo que, nes es anos vinte xa se vía como artista e andaba á procura da súa propia lingua xe. Na Habana, o mozo Laxeiro xa fora a clases de debuxo e pintura e desenvolvera traballos artísticos como axudante de escenografía no Teatro Martí, proxectista de vidreiras e debuxante publicitario. Presenciara ademais unha exposición de Xesús Corredoyra e outra de Ignacio Zuloaga que o impresionar on fondamente, ademais de pola calidade de ambos artistas, polo tratamento da luz dos dous autores, e a coincidencia coa experiencia visual da Galicia interior á que Laxeiro pertence. O predominio da escuridade e da cor negra conectaba de forma moi directa coa sensibilidade de Laxeiro, como se pode apreciar nas súas primeiras obras, e, de forma case paradigmática, nalgunhas das que compoñen esta exposición, nas que a cor negra define a ilumina ción da escena e tamén o seu ton expresivo, ao servizo de dúas escenas mortuorias.

Narrativa

Dende un punto de vista narrativo, malia que non está presente a vertente máxica que caracterizou unha parte importante da súa obra posterior, nestes debuxos atopamos os principais temas da condición humana, como son o traballo, a festa, a maternidade, o amor e a morte, un fío condutor que anuncia o interese argumental do pintor que, con diversas variacións será o gran tema da súa produción: o factor humano en xeral e máis concretamente, as clases populares, como naqueles anos acontecía coa maioría dos artistas das vangardas internacionais.

Plástica

Estes debuxos temperáns, parecen estar feitos para a súa reprodución mecánica, debido á economía cromática -trátase de debuxos en branco e negro- e a construción de sombras a partir da aplicación de tintas grises panas, ou de liñas que fan o efecto de sombreado. Todos eles, recursos que funcionan moi ben na reprodución fotomecánica dos xornais.

Estética

Obseŕvanse diversas tendencias representativas dos primeiros anos do período de entre guerras, como o interese pola liña clara, e a construción dos volumes mediante o recurso de planimetrías con diferentes saturacións de grises, en consonancia coas aportacións dos movementos postcubistas, como se pode apreciar na parella de namorados. Por outra banda, apreciamos a adhesión a unha certa renovación do tenebrismo, introducido en España por José Rivera e O Greco, entre outros, e continuado, a principios do século XIX, polo Goya das Pinturas negras e, xa no s primeiros anos do século XX, cultivado con profusión por José Guitérrez-Solana, ademais de por Xesús Corredoyra e Ignacio Zuloaga que recolleron esa herdanza estética e simbólica na súa pintura. No caso d estes debuxos de Laxeiro, trátase dun tenebrismo que se dá con total coherencia na forma e no contido, nas dúas pezas de temática funeraria.

Este Laxeiro novo, xa radical nas súas formulacións, é quen de combinar os recursos expresivos con outros rexistros, tamén moi da época, como ese trazo xestual, ás veces case mancha, que co paso do tempo sería un dos seus sinais de identidade e que aquí podemos ver na maioría das obras da exposición. Estamos, por tanto, ante un Laxeiro moi novo, que xa se decanta por unha obra radical, de gran forza expresiva e unha temática centrada na peripecia humana, principalmente, en escenas populares, que oscila ent re a tenrura da nenez e a mocidade, un certo naturalismo nas escenas populares de traballo, un certo achegamento á caricatura nas escenas festivas de músicos, e unha brutal crueza nas escenas funerarias. Estes debuxos recuperados achegan moita información sobre a posterior evolución de Laxeiro. Esa facilidade para catalizar na súa obra todas as épocas que viviu ao longo do século XX, estaba xa naqueles primeiros anos de procura dunha mirada propia, mesmo antes de viaxar a Madrid e estudar na Real Academia de de Belas Artes de San Fernando e visitar o Museo de El Prado.

 

 

 

Descargar todas as imaxes