A Porta do Sol acolle “Momentos” a exposición que celebra os 50 anos de El País
O alcalde participou este luns na inauguración de “Momentos”, a mostra de fotografías que celebra os 50 anos do diario El País, que poderá verse na cidade desde hoxe e ata o 30 de xuño
Abel Caballero puxo en valor a traxectoria do diario El País nos seus 50 anos de historia e lembrou o seu nacemento: “Aparece no momento no que era imprescindible que aparecera, no primeiro instante da Transición, no que precisabamos unha forma de expresarnos, coñecer o que sucedía e coñecer o país a través do diario. Foi un cambio histórico en España e enganchou – aos lectores- porque había ansias de liberdade”.
Na inauguración da exposición participaron Javier Moreno, comisario da mostra; Carmela Silva, tenente de Alcaldía de Vigo; David Regades, delegado do Consorcio de Zona Franca; Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Manuel Ángel Alonso, director de Telefónica Galicia; Jesús Ángel Paz Pena, delegado de Defensa en Galicia e José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdG, entre outros.
O alcalde agradeceu a El País que Vigo sexa a terceira cidade na que se exhibe “Momentos”, despois de Madrid e Barcelona e destacou a foto do Nadal de Vigo que aparece entre as 50 imaxes seleccionadas que recollen 50 momentos e 50 historias.
Comisariada pola editora gráfica Marisa Flórez, a mostra evoca o papel fundamental do fotoperiodismo a través de 50 imaxes de gran formato alén dalgunhas instantáneas locais. Son imaxes de fotoperiodismo que recollen importantes momentos históricos: os berlineses golpeando o Muro de Berlín en 1989; un atleta saltando desde o trampolín das piscinas de Montjuïc durante os Xogos Olímpicos de Barcelona en 1992; Pedro Almodóvar e Penélope Cruz nunha limusina en Los Ángeles durante a promoción de “Todo sobre mi madre” ou un avión con pasaxeiros a piques de impactar contra unha das Torres Xemelgas en Nova York no ano 2001. Ademais, poderase gozar dalgunhas instantáneas locais que mostran a beleza dun momento, como un grupo de mariscadoras en Arcade ou as luces do Nadal iluminando Vigo.
As 50 fotografías son de gran formato e contan cun código QR para obter máis información, con audios explicativos elaborados pola SER. Son miradas narrativas que permiten á cidadanía mergullarse na súa memoria e establecer novas conexións coa perspectiva do tempo.