O I Circuíto de atletismo Concello de Vigo comeza este martes en Balaídos con probas de velocidade e medio fondo
O alcalde presentou esta mañá o primeiro Circuíto en pista Concello de Vigo que se desenvolverá nas instalacións municipais de atletismo de Balaídos. Inclúe tres probas durante os meses de xuño e novembro. “Imos gozar dun gran campionato de atletismo”, afirmou Caballero.
A previsión é que a competición conte coa participación de máis de 1.000 atletas federados, desde a categoría sub-10, entre as tres probas que están programadas os días 16 e 26 de xuño e 7 de novembro.
A primeira competición, que terá lugar mañá martes, conta coa presenza de 250 atletas nas modalidades de velocidade e medio fondo. A competición do venres 26 de xuño estará centrada nas probas de lanzamento, martelo, disco e peso, así como de saltos de lonxitude e en altura. O 7 de novembro haberá competicións de velocidade, lanzamento de martelo e o 3.000.
O calendairo deportivo de atletismo inclúe, o sábado 4 de xullo, tamén patrocinado polo Concello de Vigo, o “Gran Premio Cidade de Vigo”, que pon fin á temporada.
Melloras
O rexedor lembrou que en 2025 o Concello realizou unha “reforma singular” nas pistas de atletismo de Balaídos, cun investimento de 50.000 euros para mellorar 50 metros desde a saída do 110 da recta principal, a liña de meta, o corredor de lonxitude e pértega, a curva de 200 metros, alén do pintado de todas as liñas e de cor vermella para igualar a superficie.