Escoitar

A ETEA avanza na súa transformación

A Comisión de Seguimento da ETEA, formada por Concello, Zona Franca e Xunta de Galicia, reuniuse este martes e encargou a TRAGSA o proxecto de urbanización da vía de acceso e do aparcadoiro subterráneo, que estará listo antes de final de ano.

martes, 16 xuñ 2026

O alcalde sinalou a importancia de que “de novo o Concello e a Zona Franca estean a levar adiante un proxecto de gran importancia para Teis, Vigo e a cidade do mar”. O avance nestas últimas semanas foi unha constante. A Zona Franca realizou xa o encargo a TRAGSA da redacción do proxecto de urbanización da vía e do aparcadoiro, así como a dirección de obra, traballo para o que a empresa terá un prazo de 6 meses polo que Zona Franca dispoñerá do proxecto antes de final de ano.

O orzamento da redacción do proxecto ascende 547.532,16 euros que inclúe actuacións previas, levantamento fotogramético e xeotécnico; traballos de enxeñería; estudo de impacto ambiental; estudo arqueolóxico; e dirección de obra alén da redacción do proxecto. Doutra banda, tal e como informou David Regades na Comisión, a Zona Franca xa tramitou a solicitude de subministración e enganche eléctrico ante a distribuidora UFD, un trámite indispensable para resolver as necesidades eléctricas de todo o ámbito, dos diferentes proxectos sectoriais e asegurar a realización de todas as especificacións técnicas expostas no plan sectorial. Neste sentido, o Consorcio está a traballar, entre outros aspectos, en definir a desagregación total das potencias de todo o ámbito da ETEA por sectores, a marcaxe na PS-1 dos puntos de conexión co resto de proxectos, a definición da envolvente subterránea, da alimentación exterior e a interior, e as subministracións de obras necesarios, etc. 

No encontro, o delegado do Estado no CZFV, David Regades, informou dos pasos dados polo Consorcio para o desenvolvemento do Proxecto Sectorial PS-1, que inclúe a vía principal de acceso e o aparcadoiro subterráneo que Zona Franca construirá baixo a superficie da Praza de Armas, que será tamén acondicionada. O Consorcio achega á actuación máis de 15,2 millóns de euros e o Concello cede á Zona Franca por 75 anos o subsolo da praza. Pola súa banda, a Xunta financiará as obras de urbanización do ámbito do PS-1, que executará o CZFV.

A reordenación urbana da antiga Escola da Armada poñerá fin a anos de inactividade das instalacións cun proxecto que transformará a contorna e que poderá gozar a cidadanía. David Regades destacou “o esforzo que estamos a facer para acurtar todos os prazos porque este é un proxecto de cidade, que defende o espazo público como un dereito das persoas, devolvéndolles un espazo singular e emblemático e con maiores espazos libres para a mobilidade peonil”.

 

 

 

Descargar todas as imaxes