O Concello ofrece actividades interxeracionais de ocio e benestar para 4.000 participantes este verán
O luns 29 de xuño arrincará o programa gratuíto “Verán activo nas prazas”, que este ano contará con dúas novidades: dobre sesión diaria de actividades de saúde e diversión en dúas prazas da cidade.
Abel Caballero explicou este martes que o programa municipal, que estará activo desde o luns 29 de xuño ata o 28 de agosto, ofrecerá actividades en seis prazas de Vigo para persoas de todas as idades, coa finalidade de propiciar a interacción xeracional.
“Verán activo nas prazas” pon a disposición de tódalas persoas que queiran sumarse un total de 1.400 prazas para actividades de saúde e benestar como pilates, taichi ou baile... Amais, haberá outras 2.600 para que as persoas maiores viaxen gratis pola ría.
Calendario
Todos os luns, salvo os festivos, as prazas do Calvario e Teis despregarán a oferta lúdica, á que poden sumarse todas as persoas que o desexen, en dobre horario: de 10.00 a 11.00 horas e de 11.30 a 12.30 horas.
As prazas da Independencia e da Miñoca contarán con animación os martes. O mércores a oferta desprázase a Bouzas e á Praza do Pobo Galego. O xoves os escenarios serán as prazas da Miñoca e da Independencia e os venres as de Teis e O Calvario.