O Goberno local construirá un patio cuberto no CEIP Celso Emilio Ferreiro
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou hoxe a aprobación do proxecto para cubrir o patio do CEIP Celso Emilio Ferreiro, cun investimento municipal de 734.000 euros. O prazo de execución será de 5 meses.
A actuación permitirá mellorar de forma integral as instalacións exteriores do centro educativo, creando novos espazos cubertos e acondicionados para o uso do alumnado durante todo o ano.
O rexedor explicou que o proxecto abrangue unha superficie total de 1.800 metros cadrados, dos cales 1.105 metros cadrados estarán cubertos. “Queremos que as nenas e nenos do Celso Emilio Ferreiro conten cun patio cuberto onde poidan facer deporte e gozar do recreo en calquera época do ano”, destacou Caballero.
As obras inclúen tamén a construción de bancadas, pasos cubertos que conectarán a pista co edificio principal do colexio, a renovación do pavimento e a creación dunha pista multideportiva. Ademais, adaptarase a zona verde e instalarase nova iluminación e sistema de pluviais.