O Concello organiza unhas xornadas sobre a restauración de xardíns históricos
As xornadas serán o 6, 7 e 8 de novembro no Pazo de Castrelos. O alcalde puxo en valor os xardíns e o traballo que se está a desenvolver desde o Goberno local para o seu mantemento.
“Temos uns xardíns históricos de enorme relevancia, e queremos garantir a súa conservación e adaptación aos retos contemporáneos”, destacou o rexedor.
As xornadas están organizadas polo Concello de Vigo en colaboración coa Fundación Juana de Vega, unha entidade de referencia no ámbito da paisaxe e o patrimonio dos xardíns históricos. O encontro está dirixido a profesionais do paisaxismo, da arquitectura, da ecoloxía e da xestión pública, e pretende crear un espazo de intercambio de coñecementos e experiencias entre expertos nacionais e internacionais. O programa incluirá exposicións e intervencións de especialistas do Instituto do Patrimonio Cultural de España, Patrimonio Nacional, Universidade de Granada, Universidade de Florencia, Comité Científico de Sintra e doutros expertos en paisaxe e arquitectura.
Caballero salientou que “a restauración dos xardíns históricos, como os de Castrelos, debe manter un equilibrio entre o respecto pola súa identidade e historia e a adaptación funcional ás necesidades do presente. Ese é o camiño que queremos seguir e que inspirará estas xornadas”.
A inscrición estará aberta ata o 4 de novembro na web da Fundación Juana de Vega, cun máximo de 50 prazas dispoñibles para profesionais interesados en asistir e participar no encontro.
“O noso obxectivo é consolidar unha folla de ruta para a preservación dos xardíns históricos de Vigo, garantindo que poidan ser gozados polas xeracións futuras”, concluíu o alcalde.