xoves, 23 outubro 2025

O rexedor participa no VII Congreso Internacional Aerospacial (CIAG)

O Consorcio Aeroespacial Galego organiza en Vigo o VII Congreso Internacional Aeroespacial (CIAG), un evento que reuniu aos principais representantes da industria aeroespacial, desde OEMs, TIER 1, organizacións a nivel mundial e entidades gobernamentais. O obxectivo principal deste evento é poñer en común as novas liñas de actuación da industria e compartir o coñecemento e valoración dos diferentes actores sobre o futuro da industria aeroespacial, facendo fincapé nos ámbitos de espazo e seguridade e defensa. Durante estas xornadas tamén se presentaron os diferentes estudos realizados polo Observatorio da Industria Aeroespacial de Galicia. Na súa intervención, Caballero trasladou que a cidade "acolle con tanto entusiasmo este congreso", xa que "o voso sector vai ser extraordinariamente importante", e engadiu que é "unha forma moderna de entender a industria e a complexidade da elevación das tecnoloxías" sendo "presente e futuro, por riba de todo dende a colaboración público-privada".

Caballero asiste ao "Foro Vigo, capital da fotónica en España"

xoves, 23 out 2025

Abel Caballero destacou hoxe, no foro sobre a posición estratéxica da cidade na industria dos chips fotónicos, organizado por Zona Franca e Faro de Vigo, a transcendencia da colaboración pública-privada en proxectos como o desenvolvemento presente e futuro da primeira fábrica de fotóns de España e única de Europa. Apuntou a aposta de Vigo pola tecnoloxía e polas empresas e avanzou que "con SPARC seremos a principal factoría do mundo fabricando fotóns". No acto, Amparo Valcarce, secretaria de Estado de Defensa, definiu á cidade como líder para a fotónica por contar coa achega de talento da Universidade, ademais de con empresas de alto valor e centros tecnolóxicos, como o de INDRA ou Sparc en Zona Franca, para desenvolver unha industria altamente tecnolóxica de alto valor engadido pola fotónica.

O XI Concurso de Tapas Petisquiño conta coa participación de 32 locais de restauración

xoves, 23 out 2025

O alcalde presentou hoxe a décimo primeira edición do “Concurso de Tapas Petisquiño” ao que este ano se suman 32 locais. Desde mañá, venres 24 de outubro, ao 9 de novembro os establecementos despregarán a súa oferta de tapas doces e salgadas. Abel Caballero agradeceu aos empresarios de hostalería o traballo que realizan para o desenvolvemento da cidade e a calidade de vida da cidadanía.

O alcalde dálle a benvida a Vigo ao OGC Nice

xoves, 23 out 2025

Abel Caballero participou esta mañá no acto de recepción á directiva do OGC Nice organizado polo Celta, previo ao partido que enfrontará aos dous equipos esta noite no Estadio Municipal de Balaídos. "Este é o terceiro partido -do Celta- na Europa League e aspiramos a todo; a nosa aspiración non ten límite", afirmou o rexedor, poñendo en valor a figura de Iago Aspas, que esta noite xogará o seu partido número 534. Dándolle a benvida á cidade á directiva e aos afeccionados cualificou ao equipo como un "gran visitante" e amosou a súa satisfacción porque "esta noite vaiamos competir no mellor campo do mundo".