Avanzan os traballos para a construción da futura bancada de Gol
Abel Caballero informou que “seguimos a velocidade de cruceiro” e nestes intres realízase a unión dos pilotes e micropilotes mediante carrís de formigón xerando unha tea de araña.
O rexedor explicou esta mañá o avance nos traballos de construción da futura bancada de Gol que, como sinalou, vai a “velocidade de cruceiro”. Nestes intres real´ízase a unión dos pilotes e micropilotes mediante carrís de formigón xerando unha tea de araña, “que vai ser o firme da nova bancada de Gol” cunha gran placa de cemento. Tamén recordou que se instalaron 313 pilotes de formigón entre 6 e 12 m, “que están aí soterrados”.
“Xa están montados os dous guindastres que van facer a estrutura da nova bancada”, un traballo que, como afirmou Caballero, “durará 8 meses” e será a fase máis longa e visual do proceso. En xuño de 2026, coincidindo co final do campionato de liga de Primeira División, “teremos a estrutura da bancada sen cuberta”. Nese momento realizaranse en paralelo: división de espazos; traballos de albanelería e carpintería, illamento e pavimentacións e instalación do saneamento. Posteriormente instalarase a malla metálica que sosterá a cuberta. Tamén explicou que “a obra estará rematada a finais do ano 26, e cremos que debe estar operativa e polo tanto o Celta xa debe estar utilizando esta bancada en febreiro do ano 27”.
Mundial 2030
“A nova bancada de Gol terá máis de 7.000 espectadores”, situando o aforo de Balaídos por enriba dos 30.000. “A partir de aí xa empezaremos inmediatamente a ampliar a bancada de Tribuna para ter os 43.000 que require un Mundial”, avanzou o primeiro edil. “Xa estamos dentro”, e preguntouse “a qué espera Louzán para enviar o nome de Balaídos á FIFA, porque neste momento reunimos todos os requisitos que se necesitan”, apuntando que “el saberá por que non o fai”.