Fillas de Casandra participan nun concerto solidario con Gaza na Porta do Sol
O alcalde avanzou hoxe a participación do dúo Fillas de Casandra, o sábado 1 de novembro na Porta do Sol, como peche do evento musical solidario con Gaza que contará con poetas e bandas de Vigo. As xornadas están organizadas pola ONG Hoxe por ti.
Abel Caballero explicou hoxe que as xornadas “Gaza. Entre o horror e a esperanza”, organizadas pola asociación "Hoxe por Ti" e financiadas integramente polo Concello de Vigo, finalizarán co concerto solidario “Música e palabras para Gaza” no que actuarán os músicos e poetas As Darbukas Dacolá, Ari Magritte, Pablo Vila, Eladio Santos, Krunch, El Puto Coke, Kaixo e Fillas de Casandra.
“Esta é a actuación do Concello de Vigo reclamando atención permanente e presión continua e total para que a matanza se paralice totalmente, para que nin sequera haxa incidentes e para a solución dos dous estados”, afirmou o alcalde.