Escoitar

O alcalde advirte á Xunta que non renuncia á demanda da facultade de Medicina

O alcalde reprochou este martes á Xunta a súa reiterada negativa a crear unha facultade de Medicina en Vigo mentres comunidades como a catalá anuncia o aumento da oferta en 700 prazas para pasar de 1.300 a 2.000 estudantes nas oito facultades da comunidade autónoma.

martes, 21 out 2025

Abel Caballero apuntou hoxe que a negativa do executivo galego a dotar a Vigo cunha facultade de Medicina contrasta coa estratexia de cinco comunidades autónomas onde se crearán novos centros e o anuncio de Cataluña de aumentar nun 50 por cento a oferta de prazas. “Namentres, a Xunta segue dicindo que é mellor ter unha, para eles en Santiago, que ter máis dunha. Se queren ter unha que a traian a Vigo. Por que imos estar en Vigo sen facultade de Medicina? Pois non”.

“Nós non queremos, neste momento, ningunha outra cousa no ámbito da medicina que a facultade. Queremos ter a facultade de Medicina. Demandámola. Asístenos a razón, o apoio masivo e unánime dos profesionais, pero Rueda segue empeñado no privilexio de Santiago. É o vello privilexio, que expón Rueda e o PP de Vigo, e o BNG de Vigo seguen calados, pero imos conseguilo”, recalcou o rexedor.

Radioloxía

A continuidade da folga dos especialistas do servizo de Radioloxía, pola falta de acordo co Sergas para ampliar o persoal con que atender ás urxencias, é o reflexo da “lamentable situación” en que mantén a Xunta a sanidade en Vigo, segundo apuntou o alcalde. Caballero afirma que a Xunta está “teimuda” en responder negativamente as demandas dos especialistas a pesar de que os radiólogos “teñen razón” nas súas reclamacións, á vez que reiterou o seu apoio aos profesionais en folga “que expoñen o seu mellor trato aos pacientes en Vigo”.

 

 

 

Descargar todas as imaxes