Escoitar

Coloquios, música, cine e fotografía no segundo ciclo sobre Palestina: "Gaza. Entre o horror e a esperanza"

Vigo renova a súa solidariedade con Palestina coas segundas xornadas sobre Gaza, organizadas polo Concello e a “Asociación Hoxe por Ti”, que terán lugar do 28 de outubro ao 1 de novembro en AFundación, o Auditorio Mar de Vigo e a rúa do Príncipe. Cinema, fotografía, música e coloquios coa partipación de expertos, centran o programa “Gaza. Entre o horror e a esperanza”. A Porta do Sol acollerá o día 1 de novembro un concerto solidario.

martes, 21 out 2025

O alcalde, a coordinadora e o tesoureiro da ONG “Hoxe por Ti”, Dolores Galovart e Antonio Amaro, presentaron este martes o programa sobre a situación de Gaza que despregará unha oferta cultural coa participación de expertos.

Abel Caballero destaca o interese do contido do programa para “lembrar que está todo por facer e que deter o xenocidio e o masacre é só un primeiro paso e que hai que permanecer moi atentos polo que poida e está a suceder. Desde Vigo queremos ser parte desa vixilancia activa e do compromiso activo”, apuntou, agradecendo a Dolores Galovart a súa visión sobre o conflito de Gaza.

Actividades

Galovart explicou que a segunda edición despregará un programa máis amplo, con conferencias, proxeccións cinematográficas e fotográficas, ademais dun concerto de música rueira cunha actuación sorpresa, desde o día 28 de outubro ao 1 de novembro no teatro AFundación, o Auditorio Mar de Vigo, a rúa do Príncipe e a Porta do Sol. A coordinadora da Asociación “Hoxe por Ti” chamou á participación da cidadanía para solidarizarse con Gaza. “Buscamos a ponte da cultura para estar co pobo palestino porque, como dixo Gabriel Celaya; a poesía é unha arma cargada de futuro”.

Programa

- 28 de outubro: “Gaza hoxe: miradas desde a diplomacia e o xornalismo”, co embaixador de Palestina en España, Husni Abdel; a vicepresidenta da Asociación Reporteiros sen fronteiras, Edith Rodríguez Cachera; o codirector do Instituto sobre Conflito e Acción Humanitaria, Jesús A. Núñez; a escritora experta en medioambiente, Leila Nachawati, e Samir Ashour, activista palestino e expresidente da Asociación Gallego Árabe “Jenin”.

- 29, 30 e 31 de outubro: Ciclo de cinema “Palestina en pantalla”, con documentais e películas que afrontan a situación de Palestina desde a perspectiva humana e social. Ademais das proxeccións, está programado un coloquio entre a xornalista Magis Iglesias e a produtora Mayte Carrasco.

- 1 de novembro: Concerto solidario na Porta do Sol “Música e palabras para Gaza”, coa actuación dos músicos e poetas As Darbukas Dacolá, Ari Magritte, Pablo Vila, Eladio Santos, Krunch, O Puto Coke e Kaixo. Os organizadores anuncian unha "sorpresa" para o peche do programa.

- 30 outubro ao 15 de novembro: exposición fotográfica “Un pobo en chamas”, con obras dos fotoperiodistas Alex Zapico e Sandra Barrilaro na rúa do Príncipe.

 

Descargar todas as imaxes