Caballero e Carneiro comparten a importancia do AVE Vigo – Porto
O alcalde participou nunha charla na localidade portuguesa de Penafiel para expoñer o modelo de Vigo como cidade de éxito. Estivo acompañado polo secretario xeral do Partido Socialista de Portugal, José Luís Carneiro, e co conxunto do grupo parlamentario socialista portugués.
O rexedor explicou que foi “unha charla amable, na que estivemos moi a gusto, cun intercambio de opinións e moi produtivo”, e na que puido presentar “o proxecto Vigo” aos representantes socialistas do país veciño.
Segundo subliñou, un dos temas centrais foi o tren de alta velocidade Vigo–Porto, “a nosa prioridade”, sobre o que recibiu “con satisfacción o apoio total do Partido Socialista de Portugal, expresado pola voz do seu secretario xeral José Luís Carneiro”. O alcalde destacou que o PS luso considera esta conexión ferroviaria “estratéxica para o norte de Portugal”.
“O actual Goberno de Portugal non quere facer o tren de alta velocidade, senón un tren convencional”, advertiu o alcalde, quen lembrou que “o obxectivo debe ser unir Vigo e Porto en media hora, o que situaría á nosa cidade nunha posición estratéxica de interconexión que permitiría o eixo Lisboa–Porto–Vigo–Madrid”.
Caballero salientou que o proxecto de alta velocidade Vigo–Porto “naceu co goberno socialista de António Costa en Portugal e co de Pedro Sánchez en España, nos cumios de Guarda e Viana”, e celebrou que “volva ser o Partido Socialista de Portugal quen reitere o seu apoio incondicional a esta liña de alta velocidade, unha auténtica revolución para a gran rexión europea Norte de Portugal–Galicia”.