O Nadal de Vigo contará cun novo mercado en Bouzas
Abel Caballero deu conta este venres da autorización municipal para instalar novas atraccións durante o Nadal así como da actualización do plan de ocupación de instalación e explotación dos “chiringuitos” de praia, dende Semana Santa ata outubro.
“Autorizamos a instalación e funcionamento de novas atraccións de Nadal”, comezou explicando o rexedor vigués, relatando que o circuíto de Karts e a pista de xeo volverán a Samil. Tamén a Porta do Sol contará co seu característico carrusel e os dous trens turísticos con diferentes itinerarios pola cidade
- Percorrido 1: Praza de Compostela, rúa Reconquista, rúa Policarpo Sanz, rúa Colón, rúa Urzáiz, Praza Fernando Católico, Escultor Gregorio Fernández, Vía Norte, rúa Urzáiz, rúa Argentina, avda. García Barbón, rúa Policarpo Sanz, rúa Velázquez Moreno, Praza de Compostela.
- Percorrido 2: Praza Independencia, avenida das Camelias, Venezuela, Gran Vía, Praza de España, Gran Vía Sur, Praza de América, rúa López Mora, avenida das Camelias, Praza da Independencia.
A gran novidade estará na instalación do novo mercado de Bouzas que se situará na Alameda Suárez Llanos. Contará con 20 casetas e unha extensión de 1.850 m², “que funcionarán con todo o ambiente do Nadal”. Caballero finalizou afirmando que “imos ter o mellor Nadal que fixo nunca ningunha cidade neste planeta”.
Quioscos de praias
O Concello de Vigo actualizou o plan de ocupación de instalación e a explotación dos quioscos de praia ou “chiringuitos”, como indicou o rexedor de forma coloquial. Caballero explicou que se remitiu a solicitude a Costas, agora en mans da Xunta de Galicia, para que poidan abrir dende a Semana Santa ata o mes de outubro. Serán 11 quioscos: 4 en Samil, 2 no Vao, 2 en La Fuente, 1 en A Punta, 1 en Santa Baia e 1 na ETEA.
Turismo
No mes de setembro rexistráronse case 51.000 viaxeiros, dos que o 55% do total son de orixe nacional e o 44,7% son internacionais. O alcalde explicou que “seguimos tendo bos resultados na cidade na atracción de visitantes” e comparouno con hai 15 anos, sinalando que “tivemos este ano 51.000 viaxeiros e no ano 2010 tiveramos 31.000, case o dobre. Esta é a evolución que conseguimos nun mes de tempada baixa na cidade de Vigo”.