O bus turístico volverá ás rúas de Vigo nesta Semana Santa, desde o sábado 12 ata o domingo 20 de abril
O bus turístico volverá estar operativo esta Semana Santa, desde o sábado 12 ata o domingo 20 de abril, cun percorrido polos principais puntos de interese da cidade, segundo anunciou este martes o alcalde.

Abel Caballero recordou hoxe que o bus turístico do Concello conta con audioguías en oito idiomas: castelán, galego, portugués, francés, alemán, inglés, italiano e ruso.
Durante unha hora e media os viaxeiros percorren as zonas máis significativas de Vigo, entre as que destacan a Praza de España, o Monte do Castro, Praza de América, o Museo Quiñones de León Samil e o Parque de Castrelos. Ao percorrido por estes enclaves súmase a visita ás principais innovacións da cidade, como ramplas mecánicas, ascensores e as medianeiras.
O alcalde destacou a “gran aceptación” do servizo, xa que só o ano pasado rexistrou 8.123 usuarios.