SonDeSeu ofrece o 17 de maio o concerto "Arpas Atlánticas" con intérpretes de Galicia, Irlanda e Escocia
Abel Caballero presentou hoxe, co concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, o presidente da Fundación SonDeSeu, Anxo Pintos, o director da orquestra, Xaquín Xesteira, e a intérprete solista de arpa, Begoña Riobó, o concerto “Arpas Atlánticas” que terá lugar o 17 de maio, Día das Letras Galegas, no Teatro García Barbón.

Os sons compartidos entre Galicia, Irlanda e Escocia, serán os protagonistas do concerto “Arpas Atlánticas”, organizado o Día das Letras Galegas pola Orquestra Folk de Galicia SonDeSeu no Teatro García Barbón, segundo destacou o alcalde este luns.
O presidente da Fundación SonDeSeu, Anxo Pintos, durante a presentación do evento, trasladou ao alcalde o agradecemento ao Concello polo esforzo económico prestado para poder levar a cabo o concerto que contará con solitas nacionais e internacionais.
A subvención de 8.000 euros permite á orquestra, segundo explicou Pintos, contar con dous intépretes internacionais: Laoise Kelly de Irlanda e Mary MacMaster de Escocia; así como dous solistas de SondeSeu: Begoña Riobó e Beatriz Martínez.
Concibido como un espectáculo de celebración da identidade atlántica, SonDeSeu interpretará a integral das suites compostas para a orquestra, e presentará por primeira vez en Vigo dúas obras fundamentais para a arpa céltica: Micelio, de Anxo Pintos, e Escumas, de Rodrigo Romaní.

