O Concello ondea a bandeira do pobo xitano que conmemora o seu día internacional o 8 de abril
Abel Caballero mantivo unha xuntanza coa Fundación do Secretariado Xitano de Vigo e Galicia na que fixeron entrega da bandeira do pobo xitano que xa ondea na Praza do Rei. O goberno local outorga unha subvención de 18.000 euros á Fundación para programas de inclusión sociolaboral. O programa Acceder serviu no 2024 de apoio a 122 persoas de etnia xitana que conseguiron un contrato laboral, das cales o 55% foron mulleres. O 8 de abril conmemórase o Día Internacional do Pobo Xitano, na que se recorda o primeiro Congreso Mundial romaní celebrado en Londres en 1971, onde se instituíu a bandeira e o himno deste pobo. Amais, este ano 2025 conmemórase o 600º aniversario da chegada das persoas xitanas á península ibérica. Na actualidade, o 8 de abril é unha xornada na que se reivindica o seu dereito ao recoñecemento e á igualdade.
