Escoitar

Vigo celebrará a Copa de España de Kayak de Mar con máis de 500 deportistas inscritos

As probas serán o sábado 12 e domingo 13 de abril con base na ETEA. Medio milleiro de deportistas de Canarias, Baleares, Valencia, Cataluña, Cantabria, Asturias, Euskadi, Castela e León, Madrid, Andalucía, Ceuta e Galicia participarán esta fin de semana no Trofeo Concello de Vigo de Piragüismo.

martes, 8 abr 2025

Abel Caballero celebrou que Vigo acolla a Copa de España de Kayak de Mar e felicitou á Federación pola organización do evento na ETEA, en Teis. Máis de 500 palistas procedentes de 11 comunidades autónomas e Ceuta estarán esta fin de semana na cidade no Trofeo Concello de Vigo de Piragüismo.

Galicia presenta o maior número de tarxetas cun total de 225 deportistas, tamén é a federación con máis clubs, 22, seguida de Canarias con 124, Valencia 80 e Baleares 57. Do total de palistas, as mozas reúnen o 30 por cento do total de participantes.

A competición celebrarase sábado e domingo en horario de mañá na pista de Rande e con base na ETEA. A proba reina celebrarase con comezo á unha e media da tarde da primeira xornada cun total de 15 Km para séniors e veteranos e un trazado entre a ETEA, Punta Lagoa, Rande para chegar ao momento de partida na antiga base militar. Será unha das competicións máis importantes a nivel histórico do deporte olímpico español máis laureado: o piragüismo, coa especialidade máis náutica: o kayak de mar.

A presentación da Copa de España presidida polo alcalde vigués, Abel Caballero contou coa presenza do máximo responsable do piragüismo galego, Alfredo Bea, así como cos presidentes dos clubs organizadores: Zulema Prado do Club Marítimo de Vigo e José Angel Besada do Olívico de Piragüismo; e de Pablo Louro, do staff de Gadis que quixo estar de xeito conxunto co Concello de Vigo no seu corenta aniversario, nun deporte que encaixa á perfección da súa filosofía, polas súas incuestionables raíces con Galicia.

Descargar todas as imaxes