O Pleno aproba unha modificación de crédito de 3,4 millóns para as obras de Balaídos
Todos os grupos apoiaron esta mañá unha modificación orzamentaria de 3,4 millóns para continuar coas obras de remodelación de Balaídos. A tenente de alcalde e concelleira de Facenda, Carmela Silva, defendeu esta rehabilitación moi necesaria "nun dos buques insignia da cidade".
O goberno local sacou adiante unha modificación de crédito de 3,4 millóns de euros para continuar coas obras de rehabilitación de Baladídos, que xa comezaron coa reforma de Río. A tenente de alcalde e concelleira de Facenda, Carmela Silva, foi a encargada de defender una iniciativa que ten por obxectivo a rehabilitación "dun dos buques insignia da cidade", para que ocupe o lugar que merece xa que, segundo precisou, o estadio ten un recoñecemento social fora de Vigo que "cada euro que se invirte nel, revirte na cidade multiplicado por tres". Durante a súa intervención, Silva lembrou que o proxecto inclúe, ademais da remodelación do campo, a humanización de todo o entorno e o arranxo das pistas de atletismo, que serán sufragadas pola Xunta de Galicia. Esta modificación do orzamento recibiu esta mañá o respaldo de todos os grupos do Pleno.