Escoitar

O Concello insta á Xunta de Galicia a mellorar e acometer novas infraestruturas viarias en Vigo

O Pleno da Corporación celebrado este luns deu luz verde a dúas mocións impulsadas polo grupo socialista instando ao goberno autonómico a arranxar as estradas da súa competencia e a executar un plan de infraestruturas en Vigo comprometido hai seis anos.

luns, 23 feb 2015
No primeiro caso, e aprobado por unanimidade, o grupo de goberno local solicita da Xunta de Galicia que atenda "de forma inmediata" os seus viais e acometa os arranxos necesarios nas estradas de competencia autonómica e manteña o resto "en perfecto estado".

O texto sinala que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, remitiu un escrito á Xunta de Galicia solicitando accións de mantemento e mellora en medio quilómetro da PO-330 (Vigo-Vincios)- Avenida de Castrelos, desde o cruce con Clara Campoamor; no mesmo vial, desde a praza de América ao cemiterio de Pereiró; e nos 450 metros entre a intersección con Clara Campoamor e a rúa Canteiros.

En segundo lugar, a moción aprobada recorda que Núñez Feijóo, presidente da Xunta, comprometera no 2009 un plan de infraestruturas para Vigo que incluía a construción de varios túneles, entre estes a ampliación do paso inferior de Beiramar. A solicitude do BNG, a moción insta tamén ao goberno da cidade e á Xunta de Galicia a asinar un convenio "para garantir o desenvolvemento de dito plan". O Pleno da Corporación, co voto contrario do Partido Popular, validou esta reclamación.

Reforma laboral
Unha terceira moción presentada polo grupo socialista saíu adiante na sesión plenaria deste luns, apoiada polos edís nacionalistas e coa oposición dos populares, reclamando dos gobernos central e autonómico, entre outas cuestións, a derrogación da reforma laboral e a eliminación da discriminación salarial xuvenil. O acordo contempla a solicitude de accións para a xuventude en materia de fiscalidade, bolsas, investigación e innovación, emigración, formación, emprego e emprendemento.